Galicia, onde máis aumentan as rupturas matrimoniais

Soben case un 17% en Galicia no segundo trimestre.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2023 | Actualizada ás 11:03

Comparte esta noticia

O número de demandas de ruptura matrimonial (nulidades, separacións e divorcios) presentadas en Galicia no segundo trimestre deste ano foi de 1.517, o que supón un 16,8% máis que as 1.299 do mesmo período de 2022, segundo datos publicados polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) este luns.

Galicia rexistra 56,2 demandas de ruptura matrimonial por cada 100.000 habitantes, o que está por encima das 50,8 da media estatal. A taxa galega é a cuarta máis alta do estado, só superada por Canarias (63,4), Illas Baleares (59,9) e Comunidade Valenciana (57,5).

Deste xeito, aumentaron os divorcios consensuados (de 738 a 877, un 18,8%) e os non consensuados (de 515 a 605, un 17,5%). Pola súa banda, as separacións consensuadas foron 24 (nove menos que un ano antes) e as non consensuadas foron oito (cinco menos na comparativa interanual).

Ademais, contabilizáronse tres peticións de nulidade matrimonial entre abril e xuño. Paralelamente, iniciáronse 220 procedementos de modificación de medidas consensuadas, un 37,5% máis que nas mesmas datas de 2022. As demandas de modificación de medidas non consensuadas pasaron de 449 a 544, un 21,2% máis.

En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, o total trimestral é de 321 demandas de modificación de medidas consensuadas, un 32% máis que as 243 do segundo trimestre de 2022. As 396 demandas de modificación de medidas non consensuadas tradúcense nunha subida interanual do 31,6%.

Unha parella de namorados na ruta de Punta Socastro, no Fuciño do Porco
Unha parella de namorados na ruta de Punta Socastro, no Fuciño do Porco | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta