Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 09/10/2023 | Actualizada ás 12:11
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de "insulto á intelixencia" e "falta de respecto" aos galegos o "recital de anuncios, promesas e propaganda" cos que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tratou de "convencer" de que "vai facer todo" o que "non fixeron" durante os 14 anos en San Caetano de goberno do PP, ao que ve "dando as últimas rabexadas".
Na súa comparecencia ante os medios tras o discurso inaugural do presidente galego no arranque do Debate sobre o estado da autonomía, Pontón preguntouse se Rueda "de verdade cre" que pode "convencer" aos galegos "de que vai facer agora xusto o contrario ao que fixo (o PP) nos últimos 14 anos".
Para Pontón, a intervención do presidente e líder do PP galego evidencia "as últimas rabexadas" dun goberno "desnortado", "antigalego", "sen proxecto de país" e "sen nada que ofrecer máis aló de receitas fracasadas e a submisión aos intereses do PP de Madrid". Cre que Rueda "non ten ningún tipo de credibilidade porque a realidade vai por unha banda e as promesas por outro" como, ao seu xuízo, evidencia que os populares deixen un balance de "unha Galicia peor" despois de gobernos que desde 2009 "administraron 177.000 millóns de euros".
A líder nacionalista ve "un insulto á intelixencia" e "unha falta de respecto aos galegos" que Rueda "prometa mellorar os servizos públicos" tras anos de "recortes e máis recortes", ou que "se lle diga aos maiores que os van a protexer" cando non foron "capaces" de cambiar o modelo do sistema de residencias despois do vivido coa pandemia de covid-19.
Tamén censurou que se prometan empregos para os mozos logo de 15 anos nos que tiveron que saír do país por falta de oportunidades ou "igualdade" para as mulleres cando "non se condenan discursos da ultradereita". Pontón tamén se detivo en que Rueda subliñase o seu compromiso coa cultura galega semanas despois de votar en contra de que se puidese falar en galego no Congreso.
Así pois, aseverou que o debate que este luns arrincou no Pazo do Hórreo escenifica o "fin de ciclo" do PP e que na continuación durante a tarde deste luns coa quenda dos grupos contrastarase que existen "dúas alternativas" para Galicia: as políticas "fracasadas" do PP e "o proxecto sólido e de futuro" do proxecto que "encabeza" o BNG. Por tanto, avanzou que na súa quenda presentará a oportunidade que brinda o Bloque para "construír unha Galicia en grande" e "enfrontar os retos deste tempo desde a confianza" nas capacidades da realidade galega.
PSDG: "EQUIVOCOUSE NO DIAGNÓSTICO" E "NAS RECEITAS" DOS PROBLEMAS
Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, sinalou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "equivocouse en todos os ámbitos" no seu discurso este martes no debate anual de política xeral no Parlamento de Galicia. Para o socialista, Rueda "equivocouse no diagnóstico dos problemas", pero tamén "nas receitas para endereitar o rumbo desta lexislatura". "Debuxou un escenario propio dunha torre de marfil", valorou.
En declaracións aos medios tras a intervención do titular do Goberno galego, Álvarez mostrouse convencido de que este será "o último" e "o único" discurso de Rueda como presidente da Xunta nun debate do estado da autonomía, porque o PP "está instalado nun seguidismo puro e duro de Madrid" do "extinto señor Feijóo". Sostivo que Rueda "equivocouse", xa que, ao seu xuízo, "isto é un debate do estado da autonomía, non un debate sobre o seu proxecto político".
Para Álvarez, tamén "se equivocou no escenario": "Isto non é o Congreso dos Deputados, isto é o Parlamento de Galicia. Debería de falar exclusivamente dos problemas sobre os que este Parlamento ten competencias". En canto ao diagnóstico dos problemas, Álvarez afirmou que Rueda "debuxou un escenario propio dunha torre de marfil", no que "non existen problemas na sanidade pública" ou "no que non ten que ver nada o PP na prórroga da AP-9". Neste contexto, o portavoz socialista indicou as medidas propostas polo presidente da Xunta "nada teñen que ver coa resolución dos problemas de Galicia".
No ámbito dos anuncios, Álvarez asegurou que lle preocupa "a quebra dentro do PP" coa creación do fondo para atraer investimentos, porque, tal e como explicou, "esa medida púxose en marcha no Concello de Lugo coa crítica da candidata 'in pectore' da Xunta, a señora Candia". "Que se aclaren se o modelo vale ou non vale; se non vale en Lugo, non debería de servir en Galicia", argumentou.
Nesta mesma liña opinou sobre os parques caninos, sinalando que en Vilagarcía se crearon dous e o PP "púxose cairo" coa creación deses espazos. "Será interesante ver se o PP é un grande e libre ou son 54 fraccionados e dependentes de Madrid", aseverou. Ademais, Álvarez mostrouse convencido de que este será "o último" e "o único" discurso de Rueda como presidente da Xunta nun debate do estado da autonomía, porque o PP "está instalado nun seguidismo puro e duro de Madrid" do "extinto señor Feijóo".
PPDEG: "GALICIA TEN PROXECTO, FOLLA DE RUTA E LIDERADO CLARO"
O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, asegurou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, demostrou na súa intervención no discurso do debate anual de política xeral que Galicia ten "proxecto, folla de ruta e liderado claro". En declaracións aos medios tras concluír o discurso do titular do Executivo galego, o portavoz popular felicitou a Rueda pola súa intervención. "Creo que fixo o discurso que os galegos esperan do seu presidente", sinalou.
Segundo Pazos Couñago, o presidente da Xunta fixo unha análise "realista" e tamén "ofreceu un proxecto de futuro centrado nas necesidades reais dos galegos". Valorou positivamente as súas reivindicacións en temas que "dependen doutras administracións", como a transferencia da AP-9, a construción dos viadutos da A-6 ou os fondos europeos, así como "tantas outras cuestións que seguen esperando os galegos".
Sobre os anuncios, "a parte máis ilusionante da intervención", Alberto Pazos destacou a rebaixa do 1 % do imposto de transmisións ou as medidas en materia de atracción de investimentos, ademais do bono de 5.000 euros anuais para coidado de dependentes. Así mesmo, o portavoz popular afirmou que lle "sorprenden" as "críticas", xa que, na súa opinión, non se pode negar que "se fixeron apostas importantes de face ao futuro".
"Outros prefiren cualificar de propaganda todo o que son medidas que melloran a vida da xente. Se iso é a propaganda, benvida sexa a propaganda e esperemos que ao longo dos próximos anos o presidente Rueda teña oportunidade de facer moitos máis anuncios neste sentido", aseverou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.