A plataforma veciñal da mina de Touro pide unha rectificación nos prazos para autorizar a depuración de augas

"Non se están cumprindo os prazos que por lei corresponden", sinala nun comunicado no que explica que no Diario Oficial de Galicia do pasado 5 de outubro publicábase o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública a petición de autorización por parte da empresa Explotacións Galegas dun punto de vertedura de augas industriais depuradas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2023 | Actualizada ás 19:44

Comparte esta noticia

A plataforma veciñal Mina Touro-O Pino pediu unha rectificación sobre os prazos relativos á exposición pública da documentación relacionada coa solicitude de autorización para a depuración e vertedura de augas residuais industriais da citada mina.

"Non se están cumprindo os prazos que por lei corresponden", sinala nun comunicado no que explica que no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 5 de outubro publicábase o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública a petición de autorización por parte da empresa Explotacións Galegas (EXGA) dun punto de vertedura de augas industriais depuradas.

"Ditas augas industriais proceden dos terreos da vella mina e de empresas que desenvolven a súa actividade neles", sinala a plataforma que engade que o Diario Oficial de Galicia indicaba "o prazo de 30 días desde o día seguinte ao da publicación (o venres 6) e remitía á páxina web de Augas de Galicia". "Para que calquera persoa interesada puidese consultar a información, pero nin ese venres 6 nin os seguintes días esa documentación foi posta a disposición da cidadanía, mentres o xa escaso prazo estaba a transcorrer".

"Cando se chama a Augas de Galicia, e tras peregrinar por distintos teléfonos, maniféstasenos 'sorpresa' porque a documentación non estea onde debería, e indícannos que ao longo da mañá tratarán de remedialo", sinala . "É máis, houbo que chamar novamente porque nun primeiro momento publicaron restrinxindo o prazo a 30 días naturais, no canto de 30 días hábiles".

Todo iso a plataforma vincúlao con "o desamparo que como cidadáns sentimos cando somos nós os que temos que estar sempre vixiantes de que se garantan os nosos dereitos". "Por fin a documentación está colgada na páxina web de Augas de Galicia, pero segue indicando un prazo que está a transcorrer desde o venres 6, polo que se debe haber unha rectificación por parte da Administración". "O prazo ten que contar desde que a Administración puxo a documentación a disposición da cidadanía para ser consultada", apostila.

Vertidos da mina Touro-O Pino
Vertidos da mina Touro-O Pino | Fonte: Plataforma de afectados - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta