Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2023 | Actualizada ás 17:22
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) convocou para este luns concentracións en diversos puntos da comunidade pola liberdade de Palestina. Tal e como explican no manifesto publicado este domingo, queren manifestar así a súa "total repulsa" pola guerra en Palestina.
"Os escritores galegos, representados na AELG, condenamos toda forma de violencia e expresamos a nosa máxima solidariedade cos millóns de palestinos, entre eles nenos, que a esta hora ven ameazadas gravemente as súas vidas, privados de auga potable, subministración eléctrica ou corredores humanitarios que garantan unha mínima seguridade", argumentan.
Piden tamén que as autoridades e gobernos insten á comunidade internacional, especialmente á Unión Europea, a que tome "cantas medidas estean na súa man para deter o xenocidio contra o pobo palestino". Aseguran que, "valéndose de prácticas terroristas", está a negarse o cumprimento do dereito internacional e incumprindo o artigo 33 do IV Convenio de Xenebra.
Así mesmo, lamentan que o mundo da cultura, concretamente o literario, sexa tamén vítima do conflito, "por vía de censura e da negación de escritores palestinos dos recoñecementos e da difusión aos que ten dereito a súa obra literaria". As concentracións deste luns, que se celebrarán nas principais cidades e vilas entre as 20.00 e as 21.00 horas, foron convocadas pola Asociación Galaico Árabe Jenin, BDS Galiza, Galiza por Palestina e Mar de Lumes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.