Problemas na sanidade acaparan a maior parte das denuncias ante a Valedora que critica a teleasistencia en maiores

A valedora apela a garantir dereitos dos maiores e a recoñecer como feminicidios os crimes fóra da parella. A institución recibiu o dobre de queixas e emitiu cinco veces máis resolucións que en 2019

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2023 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

A valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, fixo un chamamento ás administracións e os poderes públicos a reforzar a atención cara ás persoas maiores, ás que sinalou como o "colectivo máis afectado" pola pandemia de covid-19 e que cre que necesitan que se vele polos seus dereitos a través de medidas correctoras da fenda dixital.

Esta é unha das principais reflexións extraídas pola titular do alto comisionado do Parlamento de Galicia da actividade da institución do ano 2022, cuxo informe foi presentado pola propia Fernández Galiño nunha rolda de prensa celebrada este luns na sede do Valedor en Santiago, onde tamén puxo o foco na necesidade de que se recoñeza por lei como feminicidio os crimes de mulleres que se cometen fóra do ámbito da parella.

A valedora destacou un incremento da actividade "en todos os parámetros", tendencia que se consolidou no últimos catro anos cun aumento "estrutural e paulatino" das queixas recibidas ao pasar das 2.276 xestionadas en 2019 ás 4.634 de 2022.

Teléfono, atención telefónica
Teléfono, atención telefónica | Fonte: remitida

O número de asuntos xestinados no último exercicio completo foi de 3.958, 22 máis cunha media de 330 ingresos ao mes. Respecto de 2021 tamén se dobraron os expedientes atendidos ao pasar de 10.736 a 16.143 e houbo un aumento de máis de 6.000 actuacións iniciadas desde o Valedor --25.551 polas 19.544--.

QUEIXAS SOBRE A SANIDADE

A maioría dos asuntos seguen tendo como administración implicada á Xunta, de entre os que case a metade están dirixidas á Consellería de Sanidade, aínda que a valedora destacou unha caída dos expedientes e queixas vinculadas á remisión dos efectos da pandemia de covid-19.

Por áreas, o 17% tiveron que ver con asuntos de índole sanitaria, mentres que o 11% dirixíronse a entidades locais e servizos municipais, porcentaxe similar aos asuntos tramitados por peticións de transparencia. Ademais, un de cada dez foron por motivos de inclusión social e outros tantos por emprego público e traballo.

91 ACTUACIÓNS DE OFICIO

O informe tamén revela a apertura de 91 actuacións de oficio, a metade (47) relacionadas coa inclusión social. Medio ambiente (17), vivenda e deshaucios (12), igualdade (6) e sanidade (4) foron outros dos asuntos sobre os que iniciou procedementos de 'motu proprio' a valedora.

Na súa comparecencia, Fernández Galiño incidiu na importancia de que as institucións e administracións respondan "con máis dereitos humanos" á situación de "crise permanente" ou "permacrisis" que percibe a nivel social e que ve preciso afrontar co compromiso dos poderes públicos como "garante" da loita contra a discriminación, a promoción da igualdade e a protección aos colectivos máis vulnerables.

PERSOAS MAIORES

Un das áreas nas que Fernández Galiño se detivo foi a situación dos dereitos das persoas maiores, que considera que están ameazadas por un contexto de evolución dixital que deixa atrás a quen "non pode" ou "non quere" ser atendido de forma telemática ou por vía electrónica.

"A atención telemática é un dereito, non pode ser unha obrigación", sentenciou a valedora, que sinalou que doce das 91 actuacións de oficio iniciadas en 2022 estiveron relacionadas con dereitos das persoas maiores en asuntos como a atención presencial, a soidade non desexada, o peche de oficinas bancarias no rural, a atención á dependencia, as contencións mecánicas ou farmacolóxicas e os desafiuzamentos.

FEMINICIDOS

A violencia obstétrica, os problemas das usuarias do anticonceptivo Essure de Bayer ou a visibilización da muller rural foron algunhas das cuestións resaltadas pola valedora relacionada coa igualdade en 2022, no que abriu dúas actuacións de oficio vinculadas aos crimes de Jéssica Méndez e Cristina Cabo, mortas a mans de dous homes en marzo e novembro de 2022.

USO DO GALEGO

A terceira área destacada pola valedora foi a de dereitos lingüísticos e, en concreto, os do exercicio do galego, un ámbito no que agradeceu a colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística, promotora do 75% dos 59 expedientes tramitados en 2022.

Entre estas, o alto comisionado da Cámara autonómica instou á Xunta a demandar que a documentación achegada por empresas promotoras de parques eólicos para os estudos de impacto ambiental dos proxectos estea nalgunha das linguas cooficiais, xa que, nalgúns casos, figuraba unicamente en inglés.

INTELIXENCIA ARTIFICAL

De face ás proxeccións a futuro, Fernández Galiño chamou a atención aos riscos para os dereitos da cidadanía que implica o desenvolvemento da intelixencia artificial e apelou ás administracións a estar "vixiante" ante as posibles discriminacións que poidan xurdir neste ámbito en asuntos como os mecanismos de recoñecemento facial, a xeración de contido, a delincuencia e a protección de datos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta