A Deputación de Pontevedra destina 48 millóns a municipios de menos de 50.000 habitantes co Plan + Provincia

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2023 | Actualizada ás 16:29

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este luns aos alcaldes o "Plan + Provincia", que contempla un total de 48,2 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes.

López definiu esta iniciativa como un "instrumento de transformación mellorado" e unha "mostra de confianza na autonomía local", ademais de "un claro exemplo do municipalismo que practica este goberno".

Segundo destacou, será "o maior plan de apoio municipal para concellos de menos de 50.000 habitantes da historia" da institución provincial". "Son 4,2 millóns, é dicir, un 9,5% máis que o anterior Plan Concellos", sinalou Luís López en relación a esta "aposta sen precedentes" por estes 59 dos 61 municipios da provincia.

A iniciativa presenta tamén novidades respecto das liñas de financiamento. Así, ás xa coñecidas de: investimentos, emprego e gasto corrente súmase a liña de "proxectos de futuro" para "apoiar a redacción de novos proxectos transformadores".

O presidente provincial tamén incidiu en que o "Plan + Provincia tamén significa máis autonomía local" posto que na Deputación serán "xenerosos" á hora de "flexibilizar" o uso das distintas liñas de financiamento "para que cada concello poida administrar os recursos en base ás súas necesidades".

Luís López, rodeado de todos os membros do goberno provincial, presentou no salón de plenos do Pazo Provincial aos 61 alcaldes e alcaldesas pontevedreses este plan xunto ás liñas políticas que centrarán o seu mandato e que "estarán baseadas na colaboración, a transformación e o municipalismo".

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.. RAFA ESTÉVEZ
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.. RAFA ESTÉVEZ

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta