Por Ángela Precedo | VIGO | 22/10/2023 | Actualizada ás 21:05
A historia da evolución humana non é un esquema pechado. Todo o que hoxe cremos saber e coñecer sobre os nosos antepasados pode verse desmontado nun segundo cun novo achado por parte de calquera dos centos de grupos de investigación arqueolóxica distribuídos por todo o mundo na procura das nosas raíces. Australopithecus, Homo habilis, Homo erectus, Homo neanderthalensis e Homo Sapiens... Iso é o que temos interiorizado, pero, non é de todo certo, pois cada vez hai máis descubrimentos que sitúan a moitos destes homínidos como coetáneos no tempo. E como adoita dicirse en ciencia: o que sabemos hoxe non ten por que ser o certo, mañá pode desmontarse.
No caso da evolución humana, isto é algo que Eduardo Méndez Quintas (Universidade de Vigo) sabe moi ben, pois xunta a un equipo internacional que codirixiu con Marguerita Mussi (Universidade La Sapienza de Roma) fixo un deses descubrimentos que cambian a historia: o Homo erectus máis antigo non data de fai 1,8 millóns de anos, senón que pode superar os 2 millóns. Un fragmento mandibular dun individuo infantil de entre dous e tres anos de idade (nunha época na que estas especies non superaban moito máis aló os 30 anos), ao que denominaron Garba, así o demostra. E a súa datación non só adianta a aparición do Homo erectus, senón tamén a da tecnoloxía achelense que este empregaba. A investigación foi publicada o xoves na revista Science.
Comezando polo principio, que é o Homo erectus como tal? É dicir, cales son as súas características? "Dentro da árbore da evolución o Homo erectus é das primeiras formas humanas que xa levan apelido, anteriormente están os Australopithecus e algúns parentes intermedios chamados Paranthropus, pero o Homo erectus é a primeira forma relacionada estritamente con nós na liña evolutiva, cunhas características moi semellantes", explica Méndez.
O Homo habilis, coetáneo en certo modo co Homo erectus, tamén leva a palabra 'homo' diante, pero non ten as mesmas características físicas que o Homo erectus. "O Homo erectus, salvo porque na cara podía ser un pouco diferente a nós se o vemos cos ollos actuais, xa ten unha fisionomía moi humana, coas mesmas proporcións que nós nas súas extremidades, e cunha capacidade craneal semellante, estando xa moi preto da que temos actualmente e, polo tanto, é a primeira forma de vida que podemos definir como perfectamente humana, aínda que logo seguise evolucionando", apunta este arqueólogo.
O interesante do Homo erectus, ademais disto, é que foi a primeira forma de vida humana que se desenvolve en África pero que é quen, entre todas as especies que convivían con el de forma coetánea no tempo, de abandonar o continente de forma efectiva e con éxito. O resto das especies desenvolvéronse exclusivamente en África e non existe constancia (polo de agora) de que abandonasen o continente africano; o Homo erectus si, evolucionando no continente eurasiático, como evidencian achados como o dos cráneos de Dmanisi, en Xeorxia, cunha antigüidade duns 1,8 millóns de anos.
QUE VIVISE NA ZONA ALTA DE ETIOPÍA EXPLICA A SÚA ADAPTACIÓN A EURASIA
Pero, ademais, as investigacións realizadas polo equipo de Eduardo Méndez descubriron que o Homo erectus tampouco era exclusivo da rexión que ata o de agora se presupoñía: o val do Rift, na sabana africana, na zona de Kenia, Tanzania e a parte baixa de Etiopía, cun clima cálido. Deste lugar foi de onde se recuperaron restos humanos durante moitos anos. Pola contra, o altiplano etíope recibiu menos importancia a nivel investigativo, e na zona de Melca, a pesar de que se leva 60 anos excavándose, non se lograron moitas publicacións. Cal foi a sorpresa de Méndez cando acharon esta mandíbula de Homo erectus. O descubrimento poría de manifesto que os grandes procesos da evolución humana non só ocorreron no fondo do Rift, nas condicións de sabana de tipo cálido, senón tamén en zonas máis altas cun clima máis temperado próximo ao que podería existir en Europa ou Eurasia nesa mesma época.
Deste xeito, o achado de Melca, como explica o arqueólogo, ten implicacións "de grande alcalce". "Unha cousa que aos investigadores sempre nos chamou a atención foi que o Homo erectus, sendo a primeira especie que sae de África, é quen de adaptarse rápidamente a calquera ecosistema eurasiático, para lograr poboar todo o continente, o cal semella raro tendo en conta que se trata (ou iso se cría ata o de agora) dunha especie oriúnda da sabana africana cunhas condicións moi específicas", plantexa Méndez, que tras o achado pode concluír que "esas formas humanas que abandonaron África inicialmente non viñan do fondo do val do Rift, senón dun ecosistema como o do altiplano, con condicións máis semellantes ás que se ían atopar fóra do continente, o que lles permitiu desenvolverse máis fácilmente".
E por onde tería comezado a expansión deste homínido? En principio, apunta o arqueólogo da UVigo, avanzaría seguindo o val do Nilo cara o norte, ou ben seguindo a costa do Mar Vermello e progresando por Oriente Próximo para, a partir de aí, seguir expandíndose cara o leste, cara a zona de China e, xa máis tarde, cara o oeste en dirección Europa. Aínda que no caso da Península Ibérica, Méndez cre que "seguramente os grupos humanos atravesaron ata ela vía Estreito de Xibraltar", pois era o que tiñan máis próximo.
A POLARIDADE DA TERRA: PEZA CLAVE PARA DATAR O ACHADO
Así as cousas, grazas a este traballo sabemos agora que o Homo erectus é unha especie moito máis antiga do que pensabamos: de 1,7 millóns retrocedemos agora a 2 millóns. Pero como puido averiguarse a data exacta? Méndez explica que "a cronoloxía deste xacemento medio se manexaba dende facía anos grazas a actividade volcánica que quedou depositada por niveles que se poden datar con relativa facilidade, pero as datacións non eran todo o precisas que nos gustaría, porque aínda que falabamos dunha cronoloxía de 1,7 millóns de anos, a tasa de erro era moi alta, de case 300.000 anos, o que levaría a pasar de 1,7 millóns a case 2 ou a 1,4".
Sen embargo, para datar este achado usouse un estudo de paleomagnetismo. Que é isto? "Á terra pasoulle unha cousa moi curiosa, e é que en determinados periodos de tempo da historia do noso planeta o norte magnético, é dicir, o norte cara onde apunta unha brúxula, cambiou e apuntou cara o sur durante unha etapa moi prolongada, é dicir, na época do xacemento, cando o Homo erectus estaba ocupando o asentamento, se tivese unha brúxula, vería que nela apuntábase ao sur en vez de ao norte, porque o norte magnético estaba onde o sur xeográfico", explica, indicando que é algo moi estraño que non se sabe con certeza por que sucede.
Con todo, "o que si sabemos moi ben é como foi cambiando esa polaridade da Terra ao longo do tempo, durante o Terciario e o Cuaternario, e neste estudo localizamos que no Pleistoceno inferior, que é cando se desenvolve a actividade humana en Melca, a polaridade na zona é inversa, pero hai pequenos intervalos de miles de anos onde a polaridade é normal, como a actual, e alí na secuencia estratigráfica do xacemento de Garba atopamos o que se chama subcron (corto periodo de tempo de diferente polaridade), e ese evento está datado a escala global entre 1,77 e 1,95 millóns de anos, e os nosos restos están por debaixo dese momento, polo que deben ser máis antigos dos 1,95 millóns de anos".
OS DENTES CERTIFICARON QUE SE TRATABA DUN HOMO ERECTUS DUNS 2/3 ANOS
E como se sabe que este resto de mandíbula pertence a un Homo erectus e non a un Homo habilis, por exemplo? Pois polos dentes, aínda que neste caso, ao tratarse dun neno tan pequeno e ter únicamente fóra os dentes de leite, a datación foi máis complicada. "Os dentes de leite non son expresivos á hora de dicir se é un Homo erectus ou un Homo habilis, só nos permiten dicir con claridade que é un ser humano, pero non a especie", indica Méndez, que engade que "era no interior da mandíbula onde estaban os dentes definitivos a analizar, que non apareceran aínda". Entón, "o que se fixo foi exportar a mandíbula dende Etiopía a Europa, escaneouse nun escáner moi potente que hai en Francia, o Ciclotrón, de altísima resolución, e puídose sacar unha foto hiperprecisa da morfoloxía dos dentes que estaban dentro, e a partir de aí si se puido certificar e identificar con claridade que estabamos ante un Homo erectus".
O achado desta mandíbula é algo moi raro tamén, pois, como apunta o arqueólogo, dentro do mundo dos restos humanos, o que normalmente se conserva son os ósos de adulto, porque son máis grandes e están máis calcificados que os ósos de individuos pequenos, dos que hai moi pouco material fósil. Neste xacemento de Garba tiveron que darse unhas condicións moi propicias para que se conserve un resto infantil. Con todo, se tiña que atoparse nalgunha parte, esa zona era África, porque "é bastante habitual atoparse restos humanos neste tipo de xacementos en África, é dicir, é máis habitual que en Europa para a mesma cronoloxía". "É unha sorte que se conservase tan ben esta mandíbula", conclúe o investigador.
COEXISTENCIA ENTRE CATRO ESPECIES NUN MESMO PERÍODO DE TEMPO
Ademais, este achado é un fío do que tirar, porque "se hai un fragmento o normal é que haxa máis, outra cousa xa é que estean máis ou menos enteiros, pero debería haber máis restos". Por iso, o grupo arqueolóxico xa ten previsto reabrir o nivel onde apareceu a mandíbula nun futuro para excavar nunha extensión de terreo máis ampla. O tempo dirá se isto trae consigo novos descubrimentos. E sería interesante que na mesma excavación aparecen restos doutras especies, porque iso sería un paso máis nese coñecemento da evolución humana.
"Esa idea que nos contaron no colexio dun debuxo típico dun chimpacé que se vai poñendo en pé progresivamente, máis e máis dereito, non é de todo así, senón que hai que pensar na evolución como nunha árbore que ten diferentes ramas e esas diferentes ramas coexisten, non aparece unha e desaparece outra, senón que existen múltiples liñas evolutivas con varias especies que coexisten durante moitos miles de anos", explica Méndez. De feito, no rango de idade que está estudando o seu equipo, xunto co Homo erectus de Melca existen tamén o Homo Habilis, outra forma chamada Paranthropus menos evolucionada, e algúns especímenes de Australopithecus. "Catro especies dando voltas coexistindo co Homo Erectus", conclúe.
Con todo, é o Homo erectus o que segue evolucionando e chega ata nós, as outras tres especies van desaparecendo diluíndose no tempo. "É importantísimo ter en conta esa coexistencia entre especies porque nos plantexa unha forma máis complexa de evolución, non a baseada nun escenario lineal no que desaparece unha especie e aparece a seguinte: hai diferentes especies de humanos no mesmo medio competindo entre si polos mesmos recursos e que puideron ter interactuado entre si", afirma o arqueólogo da UVigo. Lamentablemente, "non temos moita información para poder analizar ata que punto interactuaban e o que podía pasar", pero o feito de que se descubrise que coexistían "ábrenos novas vías de investigación moi importantes".
CONSECUENCIA DIRECTA: A TECNOLOXÍA ACHELENSE TAMÉN É MÁIS ANTIGA
Por outra banda, xunto ao achado desta mandíbula, tamén se descubriron restos de tecnoloxía achelense, que datan a súa existencia nun periodo de tempo tan lonxano como o da mesma mandíbula, é dicir, 2 millóns de anos. Que é a tecnoloxía achelense? Méndez explícao de xeito sinxelo: "Un rasgo fundamental que nos diferencia do resto de grandes simios é que o ser humano chega un determinado momento da súa evolución que desenvolve a capacidade de facer ferramentas, non hai outro primate capaz de facer ferramentas de forma sistemática coma nós, e esa capacidade aparece fai máis ou menos 3 millóns ou 2,8 millóns de anos; esas ferramentas podían ser de óso, de madeira ou de pedra, aínda que as que máis coñecemos son estas últimas, e pertencen ao que se coñece como tecnoloxía onubaiense, fabricada a partir de golpear entre sí pedras facendo saltar pequenos fragmentos, as lascas, que se usaban para cortar, substituíndo así a falta de grandes colmillos como os dos leóns".
Sen embargo, estas ferramentas tamén foron evolucionando no tempo e perfeccionándose. "Esa tecnoloxía elemental, moi básica, deu un salto importante cando se empeza a recoñecer o Homo erectus, xunto ao que apareceu unha tecnoloxía moito máis avanzada, coñecida como tecnoloxía achelense, capaz de transformar unha gran cantidade de roca usando grandes bloques de pedra para facer, sobre todo, o que se coñece como bifaces, unha pedra tallada polas dúas caras, con forma de améndoa, que corta como unha machada". Esa tecnoloxía, nun comezo, aparecía no norte de África, no fondo do val do Rift, fai máis ou menos 1,7 millóns de anos, e pensábase que fora dende alí dende onde se expandira ao resto de África, pero co xacemento de Melca, como expón Méndez, "vemos que esa mesma tecnoloxía existía no altiplano hai 1,95 millóns de anos". Polo tanto, "tamén esa primeira tecnoloxía achelense se desenvolvería primeiro aí para logo pasar ao resto de África, a onde chega case 300.000 anos despois".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.