Rotary Club

O presidente da CEOE desexa privatizar a educación e a sanidade, as dúas maiores empresas do país segundo el. Reducir todo ao concepto de empresa, mesmo servizos públicos sen finalidade lucrativa, retrata a súa catadura moral, un elemento antisocial capaz de liquidar todo con tal de alimentar a súa patoloxía, a ganancia de diñeiro sen fin, aínda que nunca vaia poder facer uso del, porque a propia perversión na que vive non lle permite dispoñer de tempo para gozar da riqueza. Estas persoas talvez existan desde que o capitalismo se asentou no planeta, a diferenza é que arestora se converteron no modelo, propagándose como unha praga de cascudas. Deus é o diñeiro e non hai outro destino na vida que acumulalo, obténdoo como sexa. Son persoas destrutivas, están enfermos. Abonda con ver a ese político de Valencia contando billetes dentro dun coche, refocilándose como un cocho coa sonatina dos números a medida que os vai contando.

Por Xosé Manuel Sarille | Ourense | 04/06/2015

Comparte esta noticia
Este perfil exemplifícao Eric Hobsbawm cando conta a vida de Roy Cohn en Pessoas Extraordinárias: comezou acosando a Owen Lattimore e axudando a condenar a morte aos Rosenberg. Despois aflorou como avogado de criminais neoiorquinos, fíxose amigo de Reagan e amañador político criminal nos 80, negociador e extorsionista. Forxou a súa carreira xurídica e política nun entorno no que o poder e o diñeiro anulan a regras e a lei. Era xudeu que alternaba con antixudeus e homosexual que levaba as súas parellas a mitins contra os dereitos dos homosexuais. Tiña a capacidade de conseguir o que non está ao alcance dos cidadáns inferiores, e iso demostra que se é da elite. O escrito de Hobsbawm é de 1989. Nel aínda intenta distinguir a este tipo de elementos doutros empresarios e políticos algo máis decentes, que se serven deles. A estas horas, co neoliberalismo no seu mellor momento, seguramente resulte imposíbel establecer tal matiz, porque a síndrome medra, sen pararse en disquisicións morais de ningún tipo. 
 
É verdade que comezan a ser mirados como elementos perigosos, pero a crenza de que o único importante na vida é gañar diñeiro está estendido por todo o tecido social. A imitación en calquera estrato é máis importante do que é costume admitir. A adición ao diñeiro arrasou todas as barreiras e faltan exemplos do contrario. Teño entre as mans o Manual do Rotario, editado en 1930. Rotary Club foi unha asociación con grande éxito, que se definía e aínda se define como escola teórico-práctica de civismo e boa conduta profesional. Abranguía representantes dos negocios e das profesións útiles, coa finalidade principal de servir ao próximo, contribuír ao progreso colectivo, esforzándose por conciliar o constante conflito entre o anceio de proveito persoal e o deber de aportar ao ben dos semellantes. Cómpre subliñar a superación da hipocrisía neste aspecto. 
 
Afirmaban que antes estaba o servizo que o beneficio e pretendían obrar con coherencia. Os clubes non admitían máis que un socio de cada profesión, buscando a compenetración de ideais e respectando a ideoloxía de cada quen. Buscaban algo así como a utopía no mundo do negocio, sen esquecer a propia imperfección, como podería facer a Cruz Vermella noutro campo. Proclaman o ideal da paz, queren ser elite social xeneralizando a boa fe nos tratos e nos negocios, buscan proscribir o suborno e a competencia ilícita, ao considerar que é maior a recompensa deste xeito que cando se recorre ao efémero proveito derivado da fraude. Nos anos vinte e trinta traballan na procura de créditos escolares, loitan contra o analfabetismo, tratan de abordar a delincuencia xuvenil, queren atallar as discapacidades físicas.  
Carlos Pereira estuda os clubes galegos de Vigo e A Coruña entre 1926 e 1936 no seu libro A Galicia Heterodoxa e nomea algúns do seus membros máis coñecidos, entre outros o armador e conserveiro Gaspar Massó, o arquitecto Manuel Gómez Román, secretario xeral do Partido Galeguista, Ramón Rivera Illade, propietario de Estrella de Galicia, Antonio Tenreiro, introdutor do racionalismo arquitectónico en Galicia e Antón Vilar Ponte, fundador das Irmandades da Fala.  
 
En realidade son antagónicos aos foraxidos cos que a nós nos toca pleitear. A contraposición descrita neste artigo, máis didáctica que nada, non pretende idealizar a actividade empresarial, menos aínda dulcificar os intereses que sempre existiron no capitalismo, nin o conflito entre patróns e traballadores, pero é verdade que a boa vontade e as actitudes de servizo poden chegar a desaparecer, edificando piaras cada vez máis extensas. 
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA