Novas notas sobre Cataluña

Igual xa o saben. O cordobés Eduardo Reyes, número seis da lista electoral de Junts pel Si e líder de Súmate, unha organización formada por persoas inmigrantes desde outros territorios do Estado Español que desexan a independencia, declarou nun mitin da campaña, que o obxectivo non era voltar para as terras de onde viñeran, senón ir cara adiante, cara o norte de Europa, “onde merecemos estar”. Unha confesión sincera e sen complexos, porque é certo que se trata de incorporarse á Europa rica, pasando as costuras coa pobre dos Perineos para o sur de Tarragona.

Por Xosé Manuel Sarille | Ourense | 12/11/2015

Comparte esta noticia
Cataluña é unha nación pola lingua, a cultura, a historia e a vontade de selo, pero o fundamento que arestora move o independentismo é sobre todo a sensación de seren espoliados, e a conciencia dunha potencialidade económica que dificilmente se pode desenvolver en España, e que psicoloxicamente os coloca noutro estatus como país. Esa sensación de espolio predomina en Cataluña, aínda que non se exprese con  claridade, talvez porque a elegancia catalá lles impide caer na vulgaridade dos políticos-botiguers milaneses  e venecianos, organizados na Liga Norte, que falan de pasta xa antes de saudar. 
 
Estoutro día volveu a aparecer a ambición nordista na prensa, con menos evidencia pero con máis ilustración. Enric Juliana afirmaba no artigo “Campo Magnético” que o ideal catalanista acostuma a proxectarse cara o norte. Para soldar a tendencia deste momento á tradición nacional, axudábase duns versos de Salvador Espriu: “ nord enllà, on diuen que la gent és neta i noble, culta, rica, lliure, desvetllada i feliç!”. Unha das definicións de neta no dicionario catalán é “sense brutícia”. Cara o norte queren ir.  
 
O mesmo columnista describía noutro artigo as excelentes relacións actuais entre o goberno de España e o de EEUU. Os americanos están encantados. Autorizáronlle en setembro, por trámite de urxencia, a conversión da base de Morón en centro operativo do Marine Corps Forces de África, a principal forza de acción rápida contra o terrorismo no Norte de África e o Sahel, con máis de dous mil militares. Sen protesta ningunha. Por iso John Kerry tocaba felizmente a guitarra en Madrid, e por iso tamén, podemos supoñelo, Cataluña debe perder calquera esperanza de apoio americano para o proceso de independencia. 
 
Outra cousa. Falta saber se da viaxe que fixera Artur Mas a Israel en 2013 queda algunha colaboración substancial en marcha. Daquela os medios de prensa nacionalista anunciaban a posibilidade de que asesorasen a articulación dos servizos de intelixencia e de policía do novo estado. O  presidente da Generalitat declaraba durante a visita que “estamos aquí polo grande interese que Israel suscita en Cataluña, como modelo, como socio para a innovación, pero tamén porque neste momento único, Cataluña ha de impulsar a súa capacidade de internacionalización e mellorar as relacións cos socios internacionais. E Israel é un compañeiro de viaxe escollido por Cataluña”. 
 
Outros comentaristas máis aguerridos chegaban a aventurar no mapa do Mediterráneo unha nación simétrica de Israel, fóra da UE, base militar marítima de primeira magnitude, vinculada á OTAN por medio do seu porto de Barcelona e potencia económica libre ao xeito de Singapur. Algo que a estas horas parece ciencia ficción, puro desbarre. 
 
Todas as brigadas están mobilizadas, tamén as dos historiadores. O día 28 de outubro,  o Ministerio de Cultura concedeulle o Premio Nacional de Historia a Roberto Fernández, pola súa obra “Cataluña e o absolutismo borbónico” e por utilizar nela “ metodoloxía crítica fronte á instrumentalización política”. No libro apela Fernández a Pierre Vilar para exemplificar o seu interese en historiar sen ideoloxía, e o ministerio non ten pexa en apelar a Fernández para envialo á fronte de batalla. 
 
Por certo, o profesor afirma na súa obra que Inglaterra participou a favor da secesión catalá do S. XVIII para dominar o comercio de escravos. Trátase dun tabú nos estudos de historia e na política actual. Mais ao ministerio non lle importa airealo a medias, se con iso consegue bombardear as posicións intelectuais do inimigo. En algo se avanza. Porque o comercio de escravos apenas se incorpora ao discurso da historia. Implicaría revisar moitas certezas, de tal xeito que grandes construcións ideolóxicas se virían abaixo. Para certificar esta evidencia abonda con saber que durante séculos os principais portos do Mediterráneo e do Atlántico tiveron como principal mercadoría os escravos, e que unha fonte esencial da capitalización para a industrialización procede dese comercio. Tamén da catalá e da vasca. Familias como Güell, Vidal-Quadras, Comillas, Koplowitz e  Amboage quizás non se coñecerían se non fose porque algúns dos antepasados se enriqueceron con esa actividade. 
 
Un día despois da concesión do premio a Roberto Fernández, o xornal electrónico nacionalista Vilaweb anunciaba que dous escritores italianos recollen nun romance titulado “Secretum” un descubrimento histórico. Segundo Rita Monaldi e Francesco Sorti, o testamento de Carlos II que entrega o trono de España aos borbóns, é falso.  
 
Este grande remexido catalán produce incomodidades tamén aquí no verde noroeste, cuxo nacionalismo, especialmente o tradicionalista, precisa resituarse cada dous por tres,  sen atopar acougo, porque os cataláns non paran. 
 
Así acontece que a posición de Unió, partido nacionalista até a medula, non variou a postura nin un milímetro e afirma que para lograr unha  solución en Cataluña abonda cunha reforma constitucional na que se cambie o financiamento e se blinde a lingua e cultura. Só iso. Namentres, os españolistas de Podemos defenden un proceso constituínte, no que se inclúa o dereito a decidir das nacións por medio de referendos. 
 
Unha pregunta: hai que estar cos españolistas que demandan o dereito á autodeterminación, ou pódese estar cos nacionalistas que non a fan e pensan que todo o proceso de ruptura é un disparate? Ou non se pode estar con ningún para ser bo patriota galego? 
 
Todos cambian algo nestes tempos, menos o nacionalismo tradicionalista galego, desconfiado e imperturbábel ante as novidades. Até os vascos de Bildu. A organización abertzale acaba de aliarse con Podemos en Navarra para as eleccións xerais.  E aínda que Sabino Cuadra, o portavoz en Madrid boureou contra a organización de Pablo Iglesias, unha militante respondeulle así: “Eu case sempre estou de acordo con Sabino, pero hoxe non. Que ten de malo que un partido español defenda a unidade de España se respecta o dereito de autodeterminación das nacións? É negativo que un partido español diga que a mellor maneira de manter España unida é convencéndonos e non impoñéndoo? Se os vascos temos a posibilidade de decidir o noso futuro eu intentarei convencer a todo o mundo de que a independencia é a mellor opción, pero vexo lexítimo que haxa quen intente convencer do contrario”.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA