A min lémbranseme varias actuacións case sen pensalas. Por exemplo aquel estilazo expulsando colaboradores nacionalistas dos programas da Radio Galega, onde o Bloque cortaba a pana, porque non bouraban exactamente o que obxectivamente debían bourar. E foron para a rúa. Ou aquela cacho reunión de artistas e intelectuais convocada pola Consellaría de cultura para destilar o elixir que lle daría función á Cidade da cultura, mausoleo de Manuel Fraga que nos eixos programáticos do bipartito estaba destinado a ficar cerrado con sete chaves. Alí acudiron poetas, lingüistas, pintores, actores e de todo un pouco, que alguén saberá por que inspiración divina habían saber de política cultural, de orzamentos e diso, e até de como darlle sentido a un edificio que xa o tiña exclusivo desde o comezo, e que era abraiar ao ser visto desde a capital, como calquera pirámide ou cruz dos caídos que se prezase. Así sucesivamente, até chegar ao baile do vicepresidente cos anciáns, despois de carretalos a Oia en autobuses. Nin o vello Baltar nacionalistado.
Superior foi o da lingua. Pola lingua non vai quedar, dixo o novo vicepresidente, referíndose a que iso non ía ser atranco ningún para o acordo co PSOE, e claro que non o foi. Nin un aceno, todos calados, particularmente os enchufados/as nas institucións lingüísticas, como sepulturas durante catro anos. Xogábase moito, compañeiro/a! Xogábase sobre todo cambiar de estatus social, tocar poder dunha vez, por ser claro e rápido; non entre as bases da organización nin os votantes, que desexábamos un cambio para o país, pero si para unha boa parte da pseudo-elite. A partir de aí era moi simple a ecuación: se nós gañamos, como vai ir mal o idioma? Se nós imos ben, o idioma vai ben. Confundiron o seu lecer coa boa saúde da lingua, que xa entrara na UCI por aquelas datas, pero eles negábano. Todos. Se os homólogos da Asturias bable chegan a facer algo así, córrenos a gorrazos até perdelos de vista pola Tierra de Campos abaixo. A comparación de Cataluña ou Euskadi dá o riso.
Como te pasas Sarillo, estás resentido. Esas cousas hai que deixalas e mirar para adiante, para a unidade. Efectivamente, hai quen as esquece. Antonte unha persoa colgaba no facebook unha enquisa segundo a cal o galego perdera case a metade dos falantes en quince anos, ou algo así. A el como bo patriota abríanselle as carnes e laiábase pola ofensa de todas as forzas foráneas e autóctonas, as evidentes e as escuras, contra a nosa lingua. Quen dubida dese ataque? É evidente, pero o home ignoraba, ou esquecía, ou prefería non lembrar para vivir co espírito máis acougado, a traizón sospeitosa, sintomática e consciente, como din eles no trampitán de comunicación interna. Ben sei, traizón non é palabra para estes tempos de humildade, unidade, harmonías e concordias, todas de súpeto. Por certo que coa nova humildade cómpre ter coidado, xa llo advertía Platón a Dióxenes: véseche a vaidade polos furados da túnica.
Para que esa vergoña da xestión da lingua se esquecese, en canto perderon as eleccións comezaron a botar tinta. Para darlle empaque dramático, apareceu inmediatamente un libro falando de racismo lingüístico, unha ocorrencia altisonante que tapaba a propia complicidade, a de enganar os votantes, como sempre fixeran os partidos do réxime, do que o Bloque aspiraba a formar parte, mais que non lle deixaron. Esa é a realidade da época. Tratábase de ser sistema, como CiU ou PNV, en versión ourensá de Coalición Galega, e para iso abandonábase o que fixese falta, menos o Supermartes. O da lingua continúa sendo un paripé hoxe; na maioría dos concellos onde gobernan, non moven un dedo desde o tempo da polka: o diñeiro de normalización gástano en concursos literarios e festivais.
Pero a que vén todo isto agora? Que se gaña con afondar nesta fenda tan destrutiva? Pois miren, é que xamais, nunca, dixeron que o fixeran mal nunha análise formal e seria, como corresponde cando se goberna un país. Se fose así, asumirían tamén as limitacións, e asunto resolto, como en todas as casas, como na vida, pero pasaron por riba, como se non fose con eles, o cal serve para unha cousa moi importante, para seguir sendo os paladíns, os guías indiscutíbeis, os únicos que representan a esencia do país, a garantía de Galicia. E aí están, erguendo de novo a voz por riba das de todos os demais, e outra vez dando a impresión de que non hai máis liña, máis táctica, máis análise posíbel e correcta que a deles. E que os demais sempre son sospeitosos de vender Galicia. Ese é o problema, a soberbia. Converten a memoria en tan curta que até o último troll (e o primeiro tamén) se permite chamarlle españolista a Xosé Manuel Beiras, y al carallo, e calquera figuras chámacho tamén a ti, aínda que leves toda a vida nisto. Volven cabalgar como campións, porque son os propietarios do metro de platino iridiado que mide o compromiso co país, son os donos morais, e se non fose por eles o país desaparecería.
Pero o Bloque dos grandes enxeños da época bipartita tamén estableceu liña no eixo esquerda-dereita. Se es galego e nacionalista xa es de esquerdas, dicía o bo do vicepresidente. Y al carallo outra vez. Abondaba con cocer na salsa de Galiza e dos galegos para que todo o demais estivese analizado e solucionado. Esta maneira de mirar continúa vixente no Bloque, agora afirmado na intolerábel soberbia antedita. Nin unha soa letra para a posta ao día, nin un cambio na análise, nin na linguaxe. Con remecer no pote de Galicia, e veña voltas, abóndalles. O BNG carece de posición elaborada sobre o saqueo do estado e das conquistas sociais. E iso reflíctese na declaración do Banquete de Conxo, na que só se fala de Galicia, e apenas hai unha liña sobre neoliberalismo e políticas reaccionarias, sobre a acción que cómpre fronte ao espolio, o xeito de defensa dos sectores públicos, fronte á banca e o capital financeiro internacional. Non están a iso, están ao outro, co grupo parlamentario abóndalles, tampouco o captan, porque están descentrados.
Pero o Banquete de Conxo non é só o Bloque, é verdade, hai esforzos a favor da unidade, sen dúbida, de calquera xeito as voces que alí se ouviron, ou as que transcenderon foron as que acabaron plasmando unha análise exclusivamente restrinxida a Galicia, curta de miras, porque non recolle o que principalmente preocupa aos cidadáns, que é a perda de dereitos, de posición social, da sanidade e da educación públicas.
Iso é estar a favor de Podemos. Pois non exactamente. Podemos innovou, igual que AGE. Foi receptiva e abandonou o lugar antigo, de actitude conservadora e retardataria na que se atopan organizacións como o Bloque. Iso é un paso de xigante que se debe recoñecer porque quebrou a parálise social, en troca de maldicilo dicindo que Podemos é unha moda de Madrid. Claro que non se pode admitir un grupo parlamentario dependente, pero iso xa non se podía antes de que o Bloque comezara a sangrar en público ante tan terríbel hipotético cataclismo, no que Galiza desaparecería do mundo. Non facía falta que viñeran os gardiáns a vixialo, sempre coa sospeita como espingarda. Mais ir sen outra expectativa que a defensa de Galicia ás Cortes, sen buscar coordinación e cambios na estrutura do estado, e sen proxecto para expulsar a mafia política e económica, é case nada. Ademais de que o movemento se demostra andando e non se trata tanto de amosar o obxectivo do grupo parlamentario propio, como de acadar conquistas co grupo parlamentario propio, que non é o mesmo en absoluto.
A nai do año é que as linguaxes e a visión da realidade difiren substancialmente, e para alén da boa intención da unidade que teñen algúns, o fracaso está servido se chega a fraguarse a candidatura unitaria entre as tendencias emerxentes e o Bloque. Cal será o discurso público desa nova forza, o nacionalista da vella usanza? Vai asumir a UPG outro discurso? Vai saudar as políticas das Mareas nos concellos gobernados por elas, en contra dos programas vellos que o Bloque levou ás eleccións municipais? Cadaquén coa súa leria? Canto tardaría a UPG en reconducir o novo movemento cara as súas posicións até atrofialo ou rompelo, como fixo sempre?