Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2023 | Actualizada ás 10:02
A Xunta declara un novo foco de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) no Concello de Mesía, na provincia da Coruña, o que eleva a oito o total declarado en toda Galicia. Como no resto de casos detectados, só un animal do total do censo da explotación presentaba sintomatoloxía compatible con esta enfermidade.
Así, os servizos veterinarios oficiais procederon de inmediato á toma de mostras do animal sospeitoso, que foi confirmado como positivo da devandita enfermidade polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete, en Madrid. A EHE é unha enfermidade infecciosa pero non contaxiosa producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides.
Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Por tanto, existe un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao non existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.
A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Esta doenza non afecta as persoas, nin pola picadura do mosquito transmisor, nin por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (como a carne ou o leite) de animais afectados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.