Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2023 | Actualizada ás 15:15
O Concello de Santiago manifestou o seu pesar pola morte de Marcial Castro Guerra, alcalde da capital galega entre os anos 1981 e 1983. Castro Guerra foi o segundo rexedor compostelán tras o final da ditadura. Membro de Unión de Centro Democrático, tomou a substitución de José Antonio Souto Paz --falecido en 2017-- tras a dimisión do seu compañeiro de partido en 1981.
A etapa na Alcaldía de Castro Guerra terminou dous anos despois, cando o resultado das eleccións municipais de 1983 permitiu ao socialista Xerardo Estévez facerse co bastón de mando grazas ao apoio de UCD.
Neses comicios, o falecido encabezou a candidatura do Partido Liberal e saíu elixido como concelleiro que, en abril do 1986, tivo a chave da moción de censura promovida por Alianza Popular contra Estévez despois de que este perdese o apoio de UCD.
O voto de Castro Guerra foi determinante para que a moción prosperase nunha sesión celebrada baixo un tenso ambiente e da que o exalcalde tivo que saír escoltado pola Policía Local, segundo recollen as crónicas da época.
O mesmo ano da moción de censura, o exalcalde foi nomeado secretario xeral técnico da Consellería de Pesca, Marisqueo e Cultivos Mariños, cargo que ocupou de marzo de 1986 ata o outono de 1987.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.