O Camiño francés deixa paso a outras rutas que, ademais, se fan tamén en inverno e primavera

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, referiuse aos beneficios para o modelo turístico galego de que cada vez sexan máis os peregrinos que chegan a Santiago fóra de tempada alta e repartíndose polos distintos itinerarios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2023 | Actualizada ás 19:32

Comparte esta noticia

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, referiuse este venres aos beneficios que supón para o modelo turístico galego que cada vez sexan máis os peregrinos que chegan a Santiago de Compostela fóra de tempada alta e que o fan, ademais, repartíndose polos distintos itinerarios. "Con esta tendencia na peregrinación contribúese a que a tradición xacobea e o impacto económico asociado estea a recuperarse en numerosos concellos das catro provincias", indicou.

Así o manifestou durante a apertura das sesións de traballo do II Encontro Mundial de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago que, impulsado pola Xunta de Galicia coa Federación de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, reúne en Santiago de Compostela a máis de 300 participantes de 125 entidades de 34 países para debater do presente e futuro da peregrinación.

No encontro, o director de Turismo referiuse á cada vez máis importante diversificación e tamén á desestacionalización do Camiño de Santiago xa que, a pesar de seguir sendo o máis transitado, o Camiño Francés está a deixar paso ao resto de itinerarios. "E, ademais, o Camiño de Santiago está a romper a estacionalidade. Están a rexistrarse novas marcas históricas de recollida de Compostelas, especialmente no inverno e primavera, xa que este ano, por exemplo, entregáronse máis de 118.000 nos cinco primeiros meses, fronte ás algo máis de 98.000 do ano anterior", apuntou.

INVESTIGACIÓN E HOSPITALIDADE

O II Encontro Mundial de Asociacións do Camiño de Santiago celébrase ata este sábado en Santiago de Compostela baixo a lema 'Asociacións. Memoria e futuro', coa intención de converterse en punto de encontro e debate sobre a cuestión xacobea, a investigación e coidado das rutas compostelás e do seu legado histórico e cultural, así como a promoción da peregrinación tradicional e da hospitalidade.

Neste marco presentarase o traballo dos asociados en amplas áreas xeográficas (Europa, Asia, Oceanía e América), cun apartado especial a España e outro ao exercicio da hospitalidade xacobea. Tamén hai relatorios dedicados ás boas prácticas e ao labor de determinadas asociacións, como é a dos Países Baixos, a máis numerosa do mundo.

Ademais de facer unha valoración do estado do tecido asociativo xacobeo mundial, servirá como antesala para comezar a preparar o seguinte Ano Santo, o de 2027. O encontro en Galicia é posible grazas ao convenio entre Turismo de Galicia e dá continuidade ao primeiro celebrado en xuño de 2015.

Imaxe de peregrinos no Camiño de Santiago
Imaxe de peregrinos no Camiño de Santiago | Fonte: ECOEMBES - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta