Piden que a planta de biomasa de Curtis para producir 'efuels' neutros en CO2 se declare prioritaria

Lorenzana asegura que o proxecto, con 200 millóns de investimento e 40 empregos na súa primeira fase, "contará co apoio da Xunta".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/10/2023 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

Greenalia e a empresa alemá P2X-Europe solicitan que o seu proxecto 'Breogán' para producir en Galicia 'efuels' para a aviación neutros en dióxido de carbono (CO2) sexa clasificado como iniciativa empresarial prioritaria. Así o trasladan nunha nota de prensa despois do acto celebrado este luns. Subliñan que "co obxectivo de axilizar todos os trámites para a súa posta en marcha, déronse xa os pasos para poder cualificalo como iniciativa empresarial prioritaria pola Xunta de Galicia".

Pola súa banda, a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, destacou nunha visita á planta de biomasa de Greenalia en Curtis que o proxecto "sitúa a Galicia no contexto europeo". P2X, líder en tecnoloxía 'PtL' (Power-toLiquid) e empresa conxunta de H&R e Mabanaft, selou a súa alianza con Greenalia en maio para crear este proxecto, especializado na produción de hidrocarburos sintéticos a gran escala.

As dúas compañías sinalan que está previsto que o proxecto comece a operar en 2027 e resaltan que para iso "se necesita unha tramitación áxil, garantindo toda seguridade xurídica e ambiental, pero que permita acelerar a posta en marcha". Na construción e posta en funcionamento da primeira fase deste proxecto estiman un investimento superior aos 200 millóns de euros.

Os detalles do proxecto foron explicados polos CEO de Greenalia e P2X-Europe, Manuel García e Detlev Woesten, respectivamente, durante un encontro coa conselleira no marco da visita á planta de Curtis. Esta instalación é, segundo as firmas, "fundamental neste proxecto, posto que da captura do seu CO2 bioxénico, xunto co hidróxeno verde, que se producirá nos terreos anexos, obterase cru sintético".

"O resultado deste proceso innovador será a produción de 11.000 t/ano de H2 verde procedente de fontes renovables que xunto á captura anual de 70.000 toneladas anuais do CO2 bioxénico, producirá ao redor de 20.000 toneladas de crus sintéticos listos para ser refinados a 'efuels' ou ceras sintéticas para a industria química e farmacéutica", destacan.

"Estamos ante unha aposta moi ambiciosa para a descarbonización da economía en Galicia, que ademais, permitirá xerar un ecosistema altamente innovador na contorna", destacou Manuel García, e apuntou a un "proxecto tractor que xerará emprego de calidade" e "terá o seu impacto económico nesta contorna, eminentemente rural". De acordo cos datos da Xunta, a planta presentada este luns, na súa primeira fase, suporá 200 millóns de investimento e "contempla a creación de 40 empregos directos".

Pola súa banda, o director xeral de P2X-Europe, Detlev Woesten, mostrou a súa satisfacción polo "compromiso continuo desta unión xermano-española que, finalmente, desembocou nun acordo máis sólido para o proxecto Breogán". A produción de produtos sintéticos "garante a subministración de cru neutro en CO2 ás empresas matrices de P2X, Mabanaft e H&R Group, listo para ser refinado para as súas respectivas necesidades de mercado", informou.

PLANIFICACIÓN ELÉCTRICA

Para este desenvolvemento, Lorenzana incidiu en que é "determinante a actualización da planificación eléctrica", algo que a Xunta demanda ao Goberno central "de forma continuada" e que lembra que foi un compromiso "recente" do ministro de Industria na súa reunión co presidente galego. En concreto, indica que para esta iniciativa será necesario ampliar a subestación de Sidegasa.

Engadiu a conselleira que "a prioridade da Xunta" é "dar a máxima celeridade aos trámites administrativos" e que os proxectos industriais declarados estratéxicos teñan garantido un prazo máximo de tramitación dun ano. "Declararanse proxectos industriais estratéxicos aqueles que conten cun investimento inicial de 2 millóns, xeren como mínimo 25 empregos directos e teñan unha clara incidencia territorial", lembra a consellería.

Segundo a titular de Industria, o proxecto presentado este luns "responde ao que ten que ser a industria e a enerxía a día de hoxe" e "vai contar co apoio da Xunta desde o punto de vista administrativo, con celeridade e seguridade xurídica, e por suposto en todo o que ten que ver co desenvolvemento das renovables en Galicia". "Imos estar aí desde o punto de vista lexislativo e do desenvolvemento da política industrial, enerxética e económica", garantiu, segundo traslada o departamento autonómico noutro comunicado.

A conselleira de Economía e Industria, durante a súa visita a Greenalia
A conselleira de Economía e Industria, durante a súa visita a Greenalia | Fonte: MONCHO FUENTES

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta