Os Bonos Corazón para mercar no comercio local volven a Santiago a partir de novembro

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2023 | Actualizada ás 16:19

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago porá en marcha a partir de novembro unha nova edición dos Bonos Corazón, un programa para incentivar as compras no comercio e hostalaría local, que contarán cun orzamento de 433.000 euros co fin de mobilizar un millón de euros.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, informou desta nova convocatoria para "seguir fortalecendo os sectores comercial e hostaleiro de Santiago". Os bonos funcionarán de forma similar a pasadas edicións: os veciños abonarán o 60 % da compra e o 40 % corre a cargo do Concello.

Estes 433.000 euros son menos que en anteriores convocatorias (puxéronse en marcha para reanimar a actividade comercial pola pandemia), "pero mellora sensiblemente as previsións iniciais do goberno", explica Rozas, pois "tan só contaba cunha partida de 200.000 euros para os Bonos Corazón nos orzamentos prorrogados de 2023". Así, subliña "o esforzo realizado para incrementar a partida"

Agora, o goberno local ultima os detalles da nova convocatoria co obxectivo de que "tanto o número de clientes como de establecementos adheridos beneficiados sexa o máximo posible". A xunta de goberno deste luns aprobou a convocatoria do procedemento de concorrencia para a selección da entidade colaboradora e distribución dos bonos, que percibirá algo máis de 25.000 euros como compensación económica.

AXUDAS PARA REHABILITACIÓN DE VIVENDA

Noutra orde de cousas, o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou este luns a convocatoria de subvencións municipais para a rehabilitación de edificios residenciais no centro histórico, cun importe total duns 85.000 euros para ao redor de 50 vivendas. Os interesados poden presentar solicitude durante un mes a partir do 24 de outubro. Pola súa banda, tamén continúa aberto o prazo de solicitude de axudas para a rehabilitación de vivendas no barrio de Vite. Aquí a contía é de 672.000 para cubrir un total de 96 actuacións.

Imaxe dun comercio con rebaixas
Imaxe dun comercio con rebaixas | Fonte: GOBERNO DE ARAGÓN - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta