Continúa o paro das traballadoras das escolas infantís: "Temos oito bebés por educadora"

Piden un convenio "xusto" porque, din, "cobran só o salario mínimo interprofesional".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2023 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

Traballadoras de escolas infantís privadas ou de xestión indirecta secundaron este mércores unha nova xornada de paro e mobilizacións, nas cidades da Coruña e de Vigo, para esixir un convenio "xusto" e a "dignificación" das súas condicións laborais e salariais.

Fixérono durante a segunda do catro xornadas de folga programadas no sector para denunciar as "lamentables condicións" nun colectivo conformado maioritariamente por mulleres. Foi no marco dunhas mobilizacións convocadas polas organizacións sindicais CIG, CCOO e SNEP, que no caso da Coruña partiron desde a praza de Pontevedra, coa participación dunhas 200 persoas, e en Vigo, desde o Marco.

En declaracións aos xornalistas, Anxela Gurdiel explicou que está programada unha reunión coa patronal o 2 de novembro e lembrou que o vindeiro sábado teñen convocada unha concentración en Madrid. Sobre a súa situación, asegurou que cobran "só o salario mínimo interprofesional" e que, con todo, deben atender un alto número de nenos por educadora, ás que se lles esixe ter un ciclo superior.

"Oito bebés por unha educadora; trece nos dun a dous anos e 20 nos de dous a tres anos", citou como dato. Ademais, destacou o seguimento da folga, con só a directora e a secretaria nalgunha escola infantil.

'Convenio digno e salarios xustos', 'nin gardarías nin xardíns, somos escolas infantís' ou 'patronal, escoita, estamos en loita', foron algunhas das proclamas coreadas nas protestas. En canto ao seguimento, desde os sindicatos precisaron a Europa Press que está cifrado, como na anterior convocatoria, nun 80 por cento, aínda que está a ser desigual. "Máis nas escolas de xestión indirecta e con menos incidencias nas privadas", sinalaron.

Imaxe da manifestación de educadoras infantís en Vigo.
Imaxe da manifestación de educadoras infantís en Vigo. | Fonte: PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta