Por Galicia Confidencial | Limia | 26/10/2023 | Actualizada ás 13:35
A Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO/BirdLife), a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e a Sociedade Galega de Ornitoloxia, presentaron as correspondentes alegacións ao Proxecto de Mellora para o aproveitamento en regadío das 42 captacións das augas subterráneas 'A Limia 2022', polos graves impactos que podería causar en espazos e especies protexidas.
O proxecto presentado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Sociedade Mercantil Estatal de Infraestruturas Agrarias, S.A., pretende desenvolver tres redes colectivas de transporte de auga para a rega nunha zona de actuación que cubriría unha superficie de 4.859 ha (case 50 km2). As tres balsas de rega terían unha capacidade de almacenamento de 76.000 metros cúbicos, unha cantidade que supera o volume da capacidade de abastecemento de auga potable da cidade de Ourense que alcanza os 69.000 metros cúbicos ao día.
Deste xeito, desde os pozos de bombeo das captacións subterráneas, impulsarase a auga até as balsas mediante a construción de tubaxes de impulsión e desde as balsas desenvolverase unha rede de rega ramificada baseada na realización dun 120 km lineais de gabias onde se soterrarán. A todas estas infraestruturas e obras de construción habería que sumarlle a construción de camiños, edificios de control, obras e estruturas especiais para a rega e a electrificación de todo o sistema para o funcionamento da rega, coa consecuente instalación de liñas eléctricas.
ZONA DE CONSERVACIÓN DE AVES
As organizacións apuntan, ademais, que con todo isto producirase un aumento da intensificación agrícola na zona e unha potencial sobreexplotación do acuífero, amplificando os potenciais impactos ambientais do proxecto. A zona afectada está incluída dentro dunha das principais Áreas Importantes para a conservación das Aves e a Biodiversidade (IBA) de Galicia, afectando tamén a unha parte significativa dun espazo da Rede Natura 2000 (a ZEPA da Limia), e xunto a unha Reserva da Biosfera.
O espazo afectado constitúe un dos últimos territorios reprodutores para algunhas especies de aves da rexión como a avefría europea ou o alcaraván común e alberga poboacións de plantas e aves catalogadas como ameazadas (Vulnerables ou En Perigo de Extinción) a nivel estatal e rexional como a tartaraña cincenta ("aguilucho cenizo"), o sisón común ou o "cardillo de lagoa", (Eryngium viviparum).
Estas organizacións din que, aínda que o proxecto xa foi modificado para sacar as balsas de rega da superficie da ZEPA (o resto das infraestruturas están total ou parcialmente dentro da ZEPA) e usar enerxías renovables para as captacións, a transformación e intensificación do uso das terras seguirá xerando impactos significativos sobre os valores do espazo, que xa está nun estado pouco favorable, sen esquecer que tamén hai especies e hábitats protexidos fóra da ZEPA.
"O impacto ambiental da destrución e ocupación definitiva dos terreos polas balsas e da escavación das gabias será grave e irreversible, afectando o funcionamento hidrolóxico dos hábitats da zona e ás súas especies", denuncia.
RETIRADA DO PROXECTO
As entidades piden a retirada deste proxecto pola falta de avaliación de repercusións e impactos sobre espazos protexidos da Rede Natura 2000, a afección directa do proxecto sobre Áreas Importantes para a Conservación das Aves e a Biodiversidade (IBA) e a afección a especies ameazadas e protexidas, a nivel europeo, estatal e autonómico, algunhas delas catalogadas a nivel estatal e autonómico como "En Perigo de Extinción".
Tamén critican a deficiente avaliación de repercusións sobre o impacto do proxecto nun espazo natural protexido como é a Reserva da Biosfera 'Área de Allariz', as deficiencias detectadas na calidade do documento de Avaliación Ambiental e a posible vulneración da normativa europea en materia de medio ambiente e dos regulamentos que establecen os criterios para a implementación do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.