Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 30/10/2023 | Actualizada ás 16:18
Os alcaldes de Viana do Bolo, da Veiga e Vilariño de Conso, asociacións sectoriais como Arigal, colexios profesionais como os de enxeñeiros de minas e geólogos, a Cámara Mineira, así como sindicatos e traballadores conforman unha fronte común en contra da decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de paralizar a explotación da mina da Penouta.
O TSXG suspendeu de forma inmediata e incondicionada a resolución da Xunta que aprobou o proxecto de explotación e o plan de restauración da concesión dunha sección da mina da Penouta, en Viana. Atende así a reclamación de Ecoloxistas en Acción ante os "graves impactos" da mina sobre o espazo protexido de Pena Trevinca, Rede Natura 2000.
Esta explotación mineira está dedicada á extracción de tantalio e niobio, minerais que sumados dan como resultado o coltán, unha das materias primas máis empregadas na produción de compoñentes electrónicos. De feito, a mina da Penouta, un proxecto impulsado por promovido por Strategic Minerals, está considerada a única mina de coltán de toda Europa.
Este luns celebrouse unha rolda de prensa conxunta en Viana en defensa deste proxecto. Strategic Minerals informa de que explora todas as vías legais dispoñibles para reverter a decisión do TSXG e acelerar o restablecemento do permiso da sección C. Manifesta o seu apoio ás mobilizacións previstas para os próximos días, a primeira das cales terá lugar este martes, 31 de outubro, ás 12.00 horas, no municipio de Viana.
Nun comunicado, a compañía sinala que do proxecto dependen 129 familias e empresas auxiliares que actualmente traballan na mina da Penouta, a maioría da comarca de Viana do Bolo, "un proxecto estratéxico a nivel europeo que permite garantir a subministración de minerais clave para as novas economías verdes e dixitais ao tratarse da única mina en produción de tantalio e niobio de Europa". Avisa do impacto no emprego tras un investimento de 45 millóns de euros. O presidente de Strategic Minerals, Miguel de la Campa, sostén que as repercusións do peche cautelar en termos de imaxe e seguridade xurídica para Galicia e España son moi relevantes ante a paralización de investimentos, mesmo estranxeiros, segundo di.
RUEDA ASEGURA QUE A XUNTA ACATARÁ A RESOLUCIÓN DO TSXG
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asegurou que acatarán a resolución do TSXG que paraliza a explotación da mina da Penouta, pero avanzou que recorrerán a decisión. Tras reunirse en Carballeda de Valdeorras con representantes do Clúster da Lousa de Galicia e preguntado pola decisión do Alto Tribunal, Rueda aseverou que "hai que acatar" as decisións xudiciais "aínda que non se estea de acordo". "Pero tamén temos dereito a defendernos", puntualizou.
E é que, tal e como esgrimiu, están a porse "en dúbida" informes de funcionarios da Xunta de Galica, de técnicos que toman decisións "despois dun exame moi concienzudo". "Cando se dá autorización dos servizos técnicos da Xunta de Galicia é porque se examinou todo e consideramos sinceramente que iso pode ir para diante (...). Cando é un pronunciamento que se basea en que fronte a un informe particular decídese que os pronunciamentos da Xunta non son válidos, pois a Xunta loxicamente tense que defender e vai facelo", defendeu.
O presidente do Goberno galego tamén se referiu a a oposición dos veciños de Viana do Bolo á decisión do TSXG, cunhas consecuencias que considera "moi graves". "Está a verse a reacción de toda a comarca", sinalou, destacando ademais que recorrendo tamén defenden "a viabilidade dunha empresa que é o sustento e o futuro de moitas familias".
Insistiu en que teñen "dereito" a utilizar os "resortes" da propia xustiza para defender as súas posicións. "Que creo que neste caso coinciden co sentido de toda a comarca, por encima de consideracións políticas. Creo que hai que ir en unidade, que é moi importante", indicou. Concluíu remarcando que, en opinión da Xunta de Galicia, o proxecto de explotación da mina era viable porque "preservaba todos os valores ambientais". "Cremos que os nosos pronunciamentos eran correctos e ségueno sendo", reivindicou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.