Temas: FRASEOLOXíA

“Non ter papas na boca”, un dos varios fraseoloxismos galegos equivalentes ó castelán “no tener pelos en la lengua”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 05/11/2023 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

Para indicar que alguén fala con total franqueza e liberdade, sen se coutar nin un chisco e sen ningún tipo de miramentos nin panxoliñas, en castelán é moi habitual botar man do fraseoloxismo no tener pelos en la lengua. En galego, alén da súa correspondencia exacta, dispomos tamén doutras secuencias expresivas que manifestan o mesmo, como imos ver deseguido:

Dous rapaces sorrindo
Dous rapaces sorrindo | Fonte: SmileDirectClub

No tener pelos en la lengua

No tener pelillos en la lengua # polilla en la lengua # pepita en la lengua

{= Falar alguén con total liberdade e franqueza, dicindo o que pensa sen miramentos e se coutar nada en absoluto.}

Non ter papas na boca

Non ter lixos na lingua

Non ter papas na lingua

Non ter pelos na lingua

Non ter a lingua trabada

[E MAIS]:

Non ter a lingua presa && Non lle quedar a lingua presa && Non lle quedar a lingua entre os dentes

Ex.: El Gobierno respondió a los continuos ataques de la oposición sacando al estrado a un diputado que no tiene pelos en la lengua, y que tiró sus dardos a diestro y siniestro.

O Goberno respondeu ós continuos ataques da oposición sacando ó estrado a un deputado que non ten papas na boca que non ten lixos na lingua que non ten papas na lingua que non ten pelos na lingua que non ten a lingua trabada que non ten a lingua presa a quen non lle queda a lingua presa a quen non lle queda a lingua entre os dentes, e que tirou os seus dardos a torto e (a) dereito.

● Tamén:

Ter unha lingua ben raspada && Ter a lingua espodada && Ter a lingua solta && Non ter sapas na lingua && Non ter sedas na lingua

● Tamén, asociadas a ámbitos de uso familiares e coloquiais:

Non lle quedar [conxugado en tempo pasado] a lingua presa ó cu da nai # pegada ó cu da nai

● Tamén, nesta liña:

Hablar a las claras && Hablar claro && Hablar a boca llena

Falar ás claras # polas claras && Falar claro && [E INDA TAMÉN, ASOCIADA A SITUACIÓNS COMUNICATIVAS DE ÁMBITO NON FORMAL E FALA COLOQUIAL]: Falar claro e mexar dereito

● E mesmo tamén, nomeadamente cando se sabe ou intúe que o que se di pode molestar:

Cantarlas claras

Botalas coma lousas && Botalas # Tiralas coma (o) barro á parede && Cascalas fervendo && Botalas fervendo && Botalas ardendo && Botalas quentes

Ex.: Ese no se anda con paños calientes, que si algo de ti no le gusta, te las canta todas claras.

Ese non che anda con panxoliñas, que se algo de ti non lle gusta, bótachas coma lousas bótachas coma (o) barro á parede cáscachas fervendo bótachas ardendo bótachas quentes.

NOTAS:

1. Se non ter papas na boca o pasamos a enunciación positiva (isto é, se dicimos que alguén ten, ou parece que ten, papas na boca), o que estaremos manifestando é que non fala nada claro e que resulta difícil de entender, ou que se expresa coma prendendo ou tatexando na fala.

Velaquí un exemplo do que acabamos de comentar, tirado do traballo “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”: Eu non sei nada o que dis; fala un pouquiño máis alto, que parece que tes papas na boca.

2. Polo que atangue ó fraseoloxismo non lle quedar [a alguén] a lingua presa ó cu da nai # pegada ó cu da nai emprégase, tal e como se indicou máis arriba, en tempo pasado (a ese non lle quedou a lingua presa/pegada ó cu da nai, que chas casca todas fervendo).

Ademais, tamén presenta outro significado, na medida en que pode indicar que alguén fala moito moito ou en exceso (ou sexa, que neste sentido sería equivalente ó fraseoloxismo castelán hablar por los codos, ó cal nos aproximaremos na vindeira entrega).

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 287-308. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús: “Dentes e moas na fraseoloxía galega”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 69-126. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Franco Grande, Xosé Luís: Manuel Leiras Pulpeiro. Obra Completa. Ed. Galaxia, 1970.

- García Represas, Delio: Estudio na fala de Xinzo, Ponteareas. Contribución á lingüística descriptiva do galego. Tese de licenciatura, 1996. Universidade de Santiago de Compostela.

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Guerra Otero, Pilar: Así falan en Trasar (1 e 2). Obra á que se pode acceder, a través da internet, no enderezo seguinte:

https://www.ogalego.eu/exercicios_de_lingua/exercicios/pilar11.html

- Irmandades da Fala: Vocabulario Castellano-Gallego de las Irmandades da Fala. Imprenta Moret-Galera, 48, A Coruña 1933.

- López Barreiro, Margarita: “Frases feitas do Cachafeiro (Forcarei)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 317-327. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta