Auditorio- samesuga

As samesugas son uns vermes anélidos, parentes das miñocas de terra. Atópanse en ambientes terrestres, mariños e de auga doce. Son ectoparasitos temporais, hematófagos de animais vertebrados e, ocasionalmente, do home. Coas súas mandíbulas, pezas semellantes a láminas filosas, cortan a pel do hospedador e extraen o sangue cunha gran ventosa bucal que se atopa no seu extremo anterior. Cada vez que se alimentan aumentan de peso ata dez veces. O sangue acumúlase nun papo (ou bucho) de gran capacidade e a súa dixestión pode demorar meses.

Por Óscar Lomba | Vigo | 15/06/2015

Comparte esta noticia
E vén a conto esta descrición deses desagradables vermes porque en Vigo existe un auditorio que chucha recursos públicos cunha voracidade semellante a unha samesuga xigante. E non estou esaxerando nada. Eu mesmo presentei no rexistro do Concello de Vigo un recurso potestativo de reposición contra a concesión dunha subvención nominativa directa de 500.000 euros á subcontrata do auditorio. Anteriormente concedéraselle, á concesionaria, outros cinco millóns no 2011. O 8 de maio pasado, a Xunta de Goberno Local decidía conceder a Organización de Ideas de Éxito unha nova subvención nominativa directa doutros 500.000 euros.
 
Opino que ese acordo adoptado polo actual goberno local é unha decisión errónea e moi gravosa para as arcas municipais, porque exclúe a concorrencia pública, que é un principio xeral que debería presidir o outorgamento das subvencións. Por iso presentei un novo recurso contra devandito acordo.
 
Semella que Abel Caballero está satisfeito neste escenario de relativa opacidade. Porén opino que este tipo de prácticas podería estar atentando contra o principio de igualdade e impide o aforro que podería supor a existencia doutras ofertas que mellorasen a xestión de OIDE, S.L.
Estas subvencións estanse outorgando periodicamente, en consecuencia poderían xestionarse mediante unha convocatoria pública regular. Para rematar, opino que estas subvencións sen convocatoria pública apóianse nunha interpretación «interesada» do disposto normativamente na letra a de o apartado 2 do artigo 22 da Lei Xeral de Subvencións.
 
Agora ben, entendo que se trata dunha excepción á regra xeral que tería que rexer a actividade municipal que é a publicidade e a concorrencia no outorgamento de subvencións e como tal, debería quedar acreditado que concorren en cada caso as circunstancias que dificultan a convocatoria pública porque se esta é compatible co interese xeral, debe prevalecer esta vía fronte á excepcional da subvención directa.
 
Se queremos que o Auditorio “Mar de Vigo” cumpra a súa función social debemos evitar que a súa concesionaria termine converténdoo nunha xigantesca samesuga que termine chuchando o diñeiro da facenda municipal para transferilo a unha empresa privada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Óscar Lomba Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966). Coordinador de Diem25 en Galicia e candidato ás eleccións europeas por Podemos. Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista.