Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2023 | Actualizada ás 15:03
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou que a Xunta remitiu á Fiscalía o caso de eutanasia dunha muller de Santiago, cuxa nai pediu nun xulgado, a través da entidade Abogados Cristianos, que se paralice o proceso. A eutanasia estaba programada para o xoves, pero, finalmente, non se levou a cabo, porque os profesionais sanitarios non puideron acceder ao domicilio, ao non abrirlles a nai da muller, que ten 54 anos e padece esclerose múltiple.
Esta solicitou que se lle practicase a eutanasia e a comisión que a avaliou sostivo, entre outras cuestións, que padece dores insoportables, segundo explicaron desde Abogados Cristianos, algo que nega a nai que entende que isto non se axusta á verdade, apuntaron tamén. "Hai que respectar a vontade da paciente, tamén o traballo dos profesionais sanitarios e ser sensibles á opinión do familiar", expuxo Comesaña.
Non entanto, indicou que en Galicia a lei da eutanasia "cúmprese ao pé da letra" e que este caso "cumpre con todas as garantías que a lei establece", dixo para aludir ao asesoramento de persoal sanitario e a avaliación "perceptiva" dunha comisión. Ao non poder entrar ao domicilio, para trasladar á muller ao hospital, Comesaña explicou que a Xunta puxo o caso en coñecemento da Fiscalía "para que os xuíces tomen a decisión correspondente".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.