25N.- Así se deturpa a imaxe das mulleres: sete de cada dez nenos ven pornografía antes dos 10 anos

As novas tecnoloxías trouxeron consigo novas formas de violencia de xénero, como a violencia sexual, presente na pornografía, á que ten acceso calquera adolescente, aínda sendo menor de idade. Nela reprodúcense estereotipos e roles de xénero vinculados á cultura heteropatriarcal, sobre os que se constrúe en gran parte a identidade sexual dos mozos e mozas galegos.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 20/11/2023 | Actualizada ás 21:10

Comparte esta noticia

A violencia de xénero maniféstase na nosa sociedade de maneiras ben diferentes. Así, aínda que o caso máis obvio é dos asasinatos machistas que suman xa 68 vítimas mortais nos últimos vinte anos en Galicia, tamén existen outras condutas que supoñen violencia sobre as mulleres: vexacións, insultos, micromachismos... Por se non fosen suficientes, as novas tecnoloxías trouxeron consigo novas formas de violencia de xénero, como a violencia sexual, presente na pornografía, á que ten acceso calquera adolescente, aínda sendo menor de idade, cun ordenador e conexión a Internet a man. Noutras palabras, calquer neno ou adolescente galego pode ver relacións sexuais con dominio do home sobre a muller a través da pantalla, interiorizándoo como un estándar a seguir.

Adolescente pasando un vídeo pornográfico por WhatsApp a un amigo
Adolescente pasando un vídeo pornográfico por WhatsApp a un amigo | Fonte: E.P. - Arquivo

Tal e como reflexa o estudo 'La percepción de la pornografía entre los jóvenes adolescentes de Galicia', elaborado por investigadores da Universidade de Santiago (Juan García Marín, Begoña Gómez Vázquez, María Curros Espiño e Pablo Soto-Casás) este mesmo ano, un dos espazos máis claros onde se reproducen condutas relacionadas coa violencia de xénero é na pornografía. Lamentablemente, e probablemente por falta de regulación e peso legal ao respecto, este contido é cada vez máis accesible para os máis mozos, que o consumen altamente. Como non facelo se entrando en calquera páxina para ver un partido de fútbol ou unha serie xa lle saltan mensaxes con fotos de rapazas do tipo 'queres ter sexo comigo?' ou 'moza busca sexo a menos dun quilómetro de ti'?

Especialmente son os rapaces os que prestan maior interese por estes contidos (aínda que cada vez se suman máis rapazas). Así, vén continuamente como nesta pornografía se reproducen estereotipos e roles de xénero vinculados á cultura heteropatriarcal, que semella que tanto nos está custando superar, o que provoca un sesgo na súa percepción das condutas sexuais dentro das relacións de parella. Así as cousas, polo gran consumo que fan da tecnoloxía, os mozos constrúen en gran parte a súa identidade sexual ligada á tecnoloxía do momento, e, como a pornografía non é allea a iso, cada vez aparecen máis e máis webs adicadas a vídeos sexuais, a través da chamada 'netporn', a golpe de 'click' de calquera usuario de Internet, independentemente da súa idade, o que leva a que os mozos accedan a estes contidos cada vez máis cedo para obter información de cara ás súas presentes ou futuras relacións sexoafectivas.

Esta exposición continua e a falta de formación dunha mentalidade definida, pois aínda se atopan en período de crecemento, fan que sexan moi vulnerables ás violencias que se amosan en sitios web como Pornhub ou Xvideos. E é que nestes momentos, como destacan os investigadores da USC, Internet é un espazo de reprodución de mandatos heteropatriarcais e de violencia contra as mulleres. A influencia da pornografía non é un segredo para ninguén e, de feito, pode verse observando o elevado tráfico de portais como o propio Pornhub, que conta con 27,48 billóns de visitas anuais (dato de 2021). Ante esta cifra, poderiamos asumir que ver pornografía neste momento é o común, o 'mainstream', e que se atopa no imaxinario da maioría de adolescentes e tamén de moitos nenos.

Tanto polas temáticas como polas categorías que nela se poden atopar, pódese considerar que a pornografía elabora unha construción social do corpo e a obxectificación das mulleres. Por iso, estes investigadores conclúen que a pornografía é un instrumento de reprodución de violencias sexuais contra as mulleres. A preocupación parte dese acceso cada vez máis temperá dos mozos e mozas galegos a este tipo de contidos na rede, sen ningún tipo de lexislación nin supervisión ao respecto. Para evidenciar esta realidade, os investigadores realizaron entre xaneiro e novembro de 2021 grupos de discusión nos que participaron 14 adolescentes de entre 15 e 16 anos (4º da ESO) e enquisas a 1.570 estudantes de Secundaria de 35 institutos de Galicia, con idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos, cunha idade promedio de 15 anos.

DOMINIO SEXUAL DO HOME E SOMETEMENTO DA MULLER COMO CATEGORÍA?

Os resultados poden calificarse como alarmantes tendo en conta que estes nenos e nenas construíran a súa identidade sexual a partir da pornografía visualizada, con esa reprodución de roles de xénero e de condutas de violencia sobre a muller. En concreto, entre os rapaces, un 61,90 % afirmaron ter visto pornografía algunha vez na súa vida, mentres que un 78,40 % das rapazas manifestou non tela visto nunca, o que xa comeza por evidenciar unha clara diferenza entre o consumo por parte de rapaces e o consumo por parte de rapazas. 

Polo que respecta á idade á que se viu por primeira vez un vídeo pornográfico, tamén resulta alarmante comprobar como ese primeiro contacto é moito máis cedo do que lle gustaría aos pais e do que mesmamente pola bioloxía do seu corpo sería recomendable para os rapaces. E é que un 67,60 % dos rapaces enquisados consumiron pornografía antes dos 10 anos, ou sexa, que pódese dicir que case sete de cada dez rapaces galegos viron porno antes de cumprir 10 anos. Un 63,20 % asegurou telo visto entre os 10 e os 12 anos; un 61,20 %, entre os 13 e os 15 anos; e só un 40 % dixo telo visto xa pasados os 15. Entre as rapazas, o acceso a estes contidos sexuais é máis tardío, de feito o 60 % das enquisadas dixeron non ter visto pornografía ata pasados os 15, o que serían seis de cada dez rapazas galegas.

Agora ben, ese acceso pode darse de dúas maneiras: voluntaria ou involuntariamente. E é que entre os anuncios que aparecen en moitas webs á hora de buscar información sobre calquera cousa en Internet atópanse algúns que dirixen a contidos sexuais, nos que os rapaces poden 'clickar' por curiosidade, ou mesmo 'banners' e 'pop ups' que saltan na pantalla xa con vídeos de carácter sexual. Con todo, aínda que esta é unha posibilidade, os resultados das enquisas amosan que na súa maioría acceden á pornografía de xeito voluntario (nun 69,10 % dos casos), querendo buscar como practicar ese sexo que logo reproducirán coas súas parellas ou coñecidos, tamén de xeito cada vez máis temperá (no 2003 as galegas tiñan a súa primeira relación sexual aos 19 anos, hoxe a media rolda os 15). Se ben é certo que tamén houbo moito acceso involuntario, tanto entre rapaces (un 54,40 %), como entre rapazas (un 45,60 %).

E o máis preocupante é o tipo de contido que reproducen dentro desas páxinas pornográficas, onde hai diversas categorías. Así, tanto os rapaces como as rapazas galegos cren que as categorías máis consumidas son, precisamente, as que implican un dominio do home e un sometemento da muller, así como aquelas que supoñen un dominio sobre adolescentes. Aínda que os rapaces suman a estas buscas as de outras categorías como 'incestuoso' ou 'debuxos con contido pornográfico' (o que se coñece como 'furros' a día de hoxe, personas disfrazadas de animais para ter sexo). Sexa como sexa, isto contrasta moito coa realidade, xa que unha das categorías de maior consumo en Pornhub foi a de 'MILF' (acrónimo en inglés de 'mother I'd Like to Fuck', é dicir, nai coa que terías sexo) ou a de 'Mature' (muller madura) (datos de 2021). Así, a percepción dos adolescentes galegos é ben distinta á consumida maiormente polos adultos, o que conleva sesgos tamén na creación da súa identidade sexual, que podería reproducirse no futuro en base a esas condutas machistas e de violencia sobre a muller.

O ACCESO AO MÓBIL CADA VEZ MÁIS CEDO É UN GRAN PROBLEMA

Dende Galicia Confidencial preguntamos ao investigador Juan García Marín sobre o tema. "Durante o estudo observamos nenos de 10 e ás veces mesmo de 8 anos que xa nos dicían que vían de todo en Internet, cousas horrorosas", afirma, asegurando que "é indesexable que os nenos e as nenas vexan estes relatos pornográficos de sometemento da muller, porque poden ir incorporando eses guións sexuais á súa vida cotiá". E é que, na súa opinión, o gran problema está en que "o seu instrutor non é o sistema educativo, senón que é Internet, nun sentido amplo da palabra, e logo o porno, máis en particular". Así, amósase preocupado porque "estas condutas poden xerar no futuro actitudes negativas cara as mulleres e promover condutas sexuais de risco".

Deste xeito, considera que o principal problema neste caso está no acceso dos menores aos móbiles dende idades máis temperás, e é que "unha vez que teñen un móbil nas súas mans é como poñerlle portas ao campo". Ademais, cre que "hai un certo vacío en todo o que é a educación afectivo-sexual neste país, pois aínda non forma parte de ningún currículo e a todo o que ten que ver coa sexualidade aínda lle arrodea un manto de tabú". "Hai certa hipocresía tamén cando ás veces se lle pide ao sistema educativo que contidos para adultos estean suxeitos a un pin parental e, ao mesmo tempo, son os propios pais e nais os que non llo poñen aos móbiles dos seus fillos, onde poden ver todo tipo de agresividade a través da pornografía, por exemplo", conclúe García Marín. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Olmo Pruneri

Eu só quero dicir qué a maioría das porcentaxes ton teñen sentido. Non pode ser qué 61 por cento sos rapaces veran porno algunha vez e 67 antes sos 10 anos. E que logo o 60 por cen verao por primeros vez entre os 10 e 12, e logo 60 entre 13 e 15