Temas: FRASEOLOXíA

Expresións en galego equivalentes á castelá “hablar por los codos”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 12/11/2023 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

Para dar conta daquelas situacións en que temos para nós que unha persoa fala moito e decontino –e mesmo non poucas veces de xeito tal que pode resultar cargoso, pesado ou molesto para quen o escoita–, en castelán é bastante habitual botar man do fraseoloxismo hablar por los codos.

O ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, e Secretario de Organización do PSOE, e o candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, saúdanse co cóbado no acto do peche de campaña PSdeG-PSOE.. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press
O ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, e Secretario de Organización do PSOE, e o candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, saúdanse co cóbado no acto do peche de campaña PSdeG-PSOE.. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press

En galego dispomos tamén de fraseoloxismos abondos que cobren semanticamente esas mesmas situacións, como deseguido imos ver:

Hablar por los codos

Hablar por las coyunturas

{= Falar en exceso.}

Imaxe da campaña #falarural de Greenpeace
Imaxe da campaña #falarural de Greenpeace | Fonte: Facebook Greenpeace Galicia

Falar polos cóbados # polas orellas # polos cotobelos

Falar os sete falares

Ex.: Os aseguro que no me vuelvo a sentar a su lado, que habla por los codos y no te deja un momento de respiro.

Asegúrovos que non volvo sentar ó seu lado, que fala polos cóbados fala polas orellas fala polos cotobelos fala os sete falares e non che deixa nin encherte de alento.

● Tamén:

Hablar a destajo

Falar sempre e mais despois && Falar un mundo # sete mundos && Falar por un sarillo && Falar máis ca sete && Falar sen cancelas

● Tamén:

Hablar más que siete

Falar por sete [por dez # por vinte # por cen...]

● Tamén:

Hablar más que [Hablar como] una cotorra # un loro # una urraca

Falar máis ca [Falar coma] unha gralla # un papagaio # unha lingua de trapo # unha lingua de sete palletas && Falar máis ca un barbeiro (os sábados) # ca un sacamoas # ca un avogado # ca vinte costureiras # ca unha martabela # ca unha tarabela dos paxaros # ca un crego no altar # ca un escribán # ca unha radio && Falar por si e mais por cen && Falar por si e mais polo resto && Ter máis leria ca un batán

● Mesmo tamén, naqueles contextos en que, ó falar moito, se é indiscreto e imprudente no falar:

Falar o seu e mais o alleo

● Inda tamén, asociadas a contextos de uso familiares e botando man de secuencias lingüísticas empregadas no discurso para encarecer ou ponderar o que se di no enunciado:

Falar máis ca pouco # máis ca dicilo && Falar máis ca eiramá && Falar máis ca Deus # cá virxe # cós santos # ca María santísima && Falar que ser moito falar (de Deus # da virxe # dos santos # de María santísima # do noso señor) && Falar coma el[ela, ti, nós, vós...] só(s)/soa(s)

● Tamén, igualmente a miúdo asociadas a rexistros máis ben coloquiais e ámbitos de uso familiares:

No callarse ni debajo del agua

Non calar nin debaixo da auga && Ter máis lingua ca unha vaca rabo && Ter unha lingua coma a vaca rabo && Non lle quedar [conxugado en tempo verbal pasado] a lingua presa ó cu da nai # pegada ó cu da nai

Ex.: Asegúrovos que non volvo sentar ó seu lado, que non cala nin debaixo da auga que ten máis lingua ca unha vaca rabo que ten unha lingua coma a vaca rabo que a ese non lle quedou a lingua presa ó cu da nai e non che deixa nin encherte de alento.

● Tamén, adaptada a cada contexto concreto:

(Parecer que) Haber comido lengua

(Parecer que) Comer [conxugado en tempo verbal pasado] lingua

● Mesmo nalgún ca noutro contexto moi marcado e específico, gardando relación con estas expresións, mais indicando que alguén é un lingua de trapo que fala moito pero sen xeito ou sen tino:

Dicir o que sabe e non saber o que di

NOTAS:

1. Como xa practicamente todo o mundo deduciría, os fraseoloxismos falar polos cóbados e falar polos cotobelos veñen, en última instancia, a ser o mesmo, pois as palabras que marcan a diferenza entre eles (cóbados e cotobelos) non son senón sinónimas.

2. As expresións do terceiro “Tamén” que comezan por hablar más que (en castelán) ou falar máis ca/que (en galego) presentan así mesmo a posibilidade de comezar por hablar como (en castelán) ou falar coma/como (en galego):

Ex.: Vámonos ahora, que ahí viene el tipo ese que habla como una cotorra.

Vámonos agora, que aí vos vén o paisano ese que fala coma unha gralla coma un papagaio coma unha lingua de trapo coma unha lingua de sete palletas ...

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Castro Otero, Salvador et alii: “Outros lances nos laños do Morrazo. Nova recollida de unidades fraseolóxicas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 273-286. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús: “Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre”. Discurso de ingreso do profesor Ferro Ruibal na Real Academia Galega o 4 de maio de 1996.

- Ferro Ruibal, Xesús: “Locucións e fórmulas comparativas ou elativas galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 179-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- García, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/

- Graña Núñez, Xosé: Vacilacións, interferencias e outros “pecados” da lingua galega. Ir Indo Edicións, Vigo, 1993.

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Guerra Otero, Pilar: Así falan en Trasar (1 e 2). Obra á que se pode acceder, a través da internet, no enderezo seguinte: https://www.ogalego.eu/exercicios_de_lingua/exercicios/pilar11.html.

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Taboada, Carme & Soto Arias, Mª Rosario: “Sete catas na orixe da fraseoloxía”. En Estudos de Lingüística Galega, 2, 2010, páxs. 221-233. Instituto da Lingua Galega.

- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Otero Álvarez, Aníbal: “Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugés”, CEG XVII, pp. 273-292. Ano 1954.

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta