Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2023 | Actualizada ás 18:31
A CIG-Servizos protagonizou unha concentración este martes diante do Hotel Rías Baixas de Pontevedra para denunciar o bloqueo das negociacións do convenio provincial de Hostalaría. Segundo denunciou a central nacionalista, neste sector a maioría dos traballadores cobran o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e os soldos levan tres anos conxelados. Con esta mobilización reclaman un convenio "digno" para máis de 25.000 empregados da provincia, xa que o actual caducou no ano 2021 e as negociacións abertas coa patronal avanzan "moi lentas", segundo explicaron os responsables da central sindical.
O secretario da federación comarcal de CIG-Servizos, Iván Veiga, sinalou que a situación dos traballadores da hostalaría é "moi crítica e moi desesperante" ao ser un sector fortemente precarizado e de baixa sindicación, a pesar de que é un dos motores máis importantes da economía do país que engloba a restaurantes, cafetarías, bares, locais de lecer nocturno e hoteis, entre outros negocios.
A CIG denuncia que os traballadores da hostalaría na provincia de Pontevedra "están directamente na UVI", debido ao desaxuste existente entre os seus baixos ingresos salariais e o incremento do custo da vida nos últimos anos. A patronal hostaleira propuxo un pago lineal de 400 euros para compensar os anos de conxelación, unha subida equivalente ao IPC de 2023 que se abonaría en 2024 e outros dous incrementos do 3 % para 2024 e 2025.
Estas condicións non convencen á CIG, posto que, como resaltou Iván Veiga, marcan a liña vermella das negociacións na necesaria inclusión dunha cláusula de garantía salarial do IPC. De non existir esas subidas equiparables ao índice de prezos ao consumo, o colectivo de traballadores seguiría perdendo poder adquisitivo, denuncian. A CIG tamén esixe que se compensen as subidas do IPC dos últimos dous anos, que superan o 12 %. "Non imos ser partícipes de precarizar máis o sector da hostalaría", dixo Veiga.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.