O hosteleiro que acolle migrantes en Sanxenxo: "Atendemolos da mellor maneira que podemos e sabemos"

O Hotel Baixamar ofrécelles non só aloxamento e pensión completa durante polo menos un mes, senón tamén "apoio e agarimo".

Por Europa Press / Redacción | Sanxenxo | 09/11/2023 | Actualizada ás 20:16

Comparte esta noticia

Os 54 mozos migrantes que chegaron a Canarias desde a costa africana e desde este xoves alóxanse en Sanxenxo móstranse "moi colaboradores e agradecidos" co persoal do Hotel Baixamar que os acolle.

O director do negocio, Jorge González, comentou ante os medios de comunicación que os ve ben de saúde --non lle consta que algún chegase enfermo-- pero "cansos" despois da dura travesía polo Atlántico. "Estamos encantados de atendelos, de recibilos e de contribuír e achegar no que nos corresponda neste labor", manifestou González, quen prometeu acoller a estes hóspedes "da mellor maneira que podemos e sabemos". Aínda que non puido precisalo, estima que estarán aloxados alí "sobre un mes".

Desde Canarias, chegaron en avión ata o Aeroporto de Barallas, en Madrid, e durante a madrugada deste xoves viaxaron en autobús desde a capital ata a localidade pontevedresa. Pouco antes das 7,00 da mañá chegaron ao hotel, que abriu expresamente para eles porque prevía estar pechado entre a ponte do Pilar (12 de outubro) e o da Constitución (6 de decembro). Alí, recibiron apoio e acompañamento por parte da ONG Accem.

Na tarde deste xoves, un pequeno grupo deles deambulaban tranquilos e contentos polos arredores do edificio ata que empezou a chover. Aínda que nun primeiro momento falábase de 350 persoas que recalarían a Sanxenxo, ata o momento foron pouco máis de medio centenar. Tamén este xoves, outro dez chegaban pola mañá a unha pensión de Sobrado dos Monxes.

Varios migrantes procedentes de Canarias nunha das terrazas do hotel Baixamar, en Sanxenxo
Varios migrantes procedentes de Canarias nunha das terrazas do hotel Baixamar, en Sanxenxo | Fonte: Elena Fernández - Europa Press

DESTACA "O FOCO MEDIÁTICO"

Daniel Bóveda, responsable de Accem Galicia, explica a Europa Press que a chegada de migrantes a Galicia non é un feito extraordinario para eles, sobre todo despois da experiencia da chegada de refuxiados ucraínos, aínda que nesa ocasión foi "máis graduado".

No entanto, si recoñece como "certo" que en Galicia  "é a primeira vez" que se espera un grupo tan numeroso como consecuencia da activación do plan estatal de acollida. Bóveda insiste a Europa Press en que, para Accem, a chegada de migrantes subsaharianos "non é algo alleo" e que "a única diferenza" desta ocasión é "o foco mediático" que hai estas semanas.

Algúns dos mozos chegados a Sanxenxo "xa mostraron interese" en contactar coas súas redes familiares e sociais. Ademais, aínda que se espera que estean ao redor dun mes neste hotel, é "probable" que algúns se marchen de aí nos próximos días porque, tal e como lembra Daniel Bóveda, "son persoas que non están privadas de liberdade".

Outros, en cambio, poderán acudir a servizos xurídicos para solicitar algún sistema de protección internacional, xa que moitos foxen dos seus países de orixe "por motivos políticos, étnicos ou mesmo de orientación sexual".

En calquera caso, os migrantes aloxados en Sanxenxo móstranse "contentos" nas inmediacións do hotel, xa que conseguiron atravesar un proceso migratorio "perigoso" para recalar na costa galega. "Agora, que empecen a vivir en Europa, en España ou, mesmo, en Galicia", conclúe o portavoz de Accem Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta