Temas: FRASEOLOXíA

Expresións en galego equivalentes ó castelán “a destajo” (nas súas tres acepcións básicas)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 19/11/2023 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

¡Velaquí nos atopamos ante unha locución que cantas e cantas veces non teremos oído emitida por xente galegofalante: a destajo! Pero, daquela, ¿que é o que acontece: que non dispomos en galego locucións que dean conta dos mesmos contidos ou significados que fornece a dita expresión castelá? Pois si que dispomos delas, e agora mesmo lles imos dar un repaso, xebrando os encabezamentos en cada unha das tres acepcións fundamentais que presenta en castelán o dito sintagma a destajo:

Obreiro do sector metalúrxico
Obreiro do sector metalúrxico | Fonte: Arquivo

▲ A DESTAJO1

{= Por un prezo total [unha obra ou labor que haxa que realizar ou que xa foron realizados, ou ben un servizo que haxa que prestar ou que xa foi prestado] acordado de antemán.}

Ó axuste

Á # A contrata

Ex.: La inmobiliaria contrató una empresa a destajo, pero es que esta empresa destajista subcontrató después a otras, y de ahí todo el lío.

A inmobiliaria contratou unha empresa ó axuste á contrata a contrata, pero é que esta empresa axusteira subcontratou despois outras, e de aí todo o sarillo.

● Tamén:

A tanto alzado && Por un tanto alzado && A precio alzado && Por un precio alzado && Por una cantidad alzada

Por (un) prezo por axuste && Por (un) prezo global && Por (un) prezo global axustado

E mesmo:

Por (un) montante global && Por (un) montante global axustado && Por (unha) contía/cuantía global && Por (unha) contía/cuantía global axustada && Por (unha) cantidade global && Por (unha) cantidade global axustada && Por (un) tanto global && Por (un) tanto global axustado && A tanto global && A tanto global axustado && A/Por prezo acordado && A/Por prezo concertado && [E INDA INCLUSO]: Por (un) montante fixo && A montante fixo

Ex.: La inmobiliaria contrató una empresa a tanto alzado, pero es que esta empresa destajista subcontrató después a otras, y de ahí todo el lío.

A inmobiliaria contratou unha empresa por (un) prezo por axuste por (un) prezo global por (un) prezo global axustado, pero é que esta empresa axusteira subcontratou despois outras, e de aí todo o sarillo.

▲ A DESTAJO2

A TAREA

{= Por un prezo que se paga –tomando como parámetro de referencia o prezo dunha determinada unidade de labor– en función da cantidade de traballo ou tarefa realizados ou da produción feita.}

Á # A tarefa

Por tarefa

[E MESMO TAMÉN]:

Á # A produción

Por produción

Ex.: Su plan es marchar a Cataluña, trabajar a destajo en la construcción unos años y luego volver. Así que ya sabes, si quieres ganar dinero en pocos años, métete a destajista con ellos.

O seu plan é marchar para Cataluña, traballar á tarefa por tarefa á produción por produción na construción uns anos e logo volver. Así que xa sabes, se queres gañar cartos en poucos anos, métete a tarefeiro con eles.

▲ A DESTAJO3

{= Sen case descanso e con moito empeño, esforzo e afán, así como bulindo o máis que se poida, á hora de facer un traballo ou labor.}

Arreo

A reo

A eito

Ex.: Felicitaciones a todo el equipo, que lleva toda la semana trabajando a destajo para que la retransmisión del partido pueda llegar a sus hogares en las mejores condiciones.

Parabéns para todo o equipo, que leva toda a semana traballando arreo traballando a eito para que a retransmisión do partido poida chegar ós seus lares nas mellores condicións.

● Tamén, en contextos:

A toda vela && A velas desplegadas && A brazo partido && A más no poder

A todo dar && A todo meter && A manga despregada && A toque de caixa && A toque de veta && A matafolgos && A peito partido && A brazo partido && A brazo aberto && Canto poder [conxugado en número, persoa e tempo en función de cada contexto] && A # Ata máis non poder && A # Ata máis non dar

Ex.: Parabéns para todo o equipo, que leva toda a semana traballando a todo dar traballando a manga despregada traballando a toque de caixa traballando a peito partido traballando canto puido traballando a máis non poder traballando a máis non dar para que a retransmisión do partido poida chegar ós seus lares nas mellores condicións.

NOTAS:

1. En relación cos dous primeiros encabezamentos, que probablemente sexan os máis afectados ou “invadidos” pola influencia castelá (inda que o primeiro deles a través, máis ben, da locución a tanto alzado, xa que a destajo é fundamentalmente usada para o segundo dos significados ou acepcións), a día de hoxe na obra lexicográfica normativa de referencia (o Dicionario da Real Academia Galega) as locucións que se recollen son ó axuste (para o encabezamento número 1) e mais a tarefa e por tarefa (para o encabezamento número 2).

Tamén se recolle, curiosamente, a locución substantiva tanto alzado no propio DRAG (concretamente, na segunda das tres entradas da voz tanto que aparecen nesa obra), que se reflicte co significado de “cálculo aproximado” e cuxo exemplo reza “Ten dereito a percibir un tanto alzado”, locución que, desde a nosa modesta e humilde opinión (e desculpando o noso atrevemento, pois non dispomos, obviamente, nin con moito, dos recursos nin da información con que conta a RAG, e tendo ademais sempre en conta que os nosos comentarios van, naqueles casos en que poidamos estar no certo, con ánimo de facermos crítica construtiva e de sumar, e nunca destrutiva nin de restar), cremos que é susceptible de ser bastante posta en cuestión, tanto no que atinxe á súa pureza e xenuidade coma no que atinxe ó seu significado.

2. Así mesmo, e cinguíndonos agora ó primeiro dous encabezamentos, queremos facer notar que a voz montante non se recolle, cando menos a día de hoxe, no DRAG co significado que aquí aparece.

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- VV.AA.: Unha maré de palabras (Contribución ao léxico do Morrazo). Xunta de Galicia–Museo Massó, 2005.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta