"O raposo gardando ás galiñas", Ence na Alianza polo Clima de Galicia

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra di que a papeleira ten "responsabilidade directa, indirecta e inducida" na "eucaliptización" dos montes galegos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2023 | Actualizada ás 19:48

Comparte esta noticia

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) censurou a adhesión de Ence á Alianza polo Clima de Galicia, coa que considera que a Xunta pon ao "raposo gardando ás galiñas" ao tratarse dunha empresa "responable de moi boa parte da responsabilidade na emisión de gases de efecto invernadoiro".

Nun comunicado emitido este martes despois de coñecer a entrada de Ence na entidade da Xunta, a asociación cargou contra o Goberno galego e, en concreto, coa vicepresidenta segunda e responsable de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, á que afea que "non perda a oportunidade de encomiar á empresa".

APDR incidiu en que Ence ten "responsabilidade directa, indirecta e inducida" na "eucaliptización" dos montes galegos, os incendios forestais e a "destrución" da ría de Pontevedra, polo que tacha de "noxento" que se some a unha iniciativa que pretende dar pasos cara á protección do medio ambiente en Galicia.

"Pero máis grave resulta ter que soportar a actitude neglixente e irresponsable da Xunta de Galicia que practica a defensa sen concesións dunha empresa que segue incumprindo a lexislación ambiental, que segue destruíndo emprego, causando molestias á veciñanza e que hai tempo que, coa lei na man, tiña que cesar a súa actividade industrial en Lourizán", engade a APDR.

O complexo industrial de Ence na Ría de Pontevedra
O complexo industrial de Ence na Ría de Pontevedra | Fonte: Gustavo da Paz - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta