O sector industrial critica ao TSXG por pechar a Mina de Penouta

Por E.P. | OURENSE | 14/11/2023 | Actualizada ás 20:17

Comparte esta noticia

A Mesa para o Desenvolvemento Renovable Industrial de Galicia, conformada por oito organizacións, expresou publicamente o seu apoio á Mina de Penouta, situada no concello ourensán de Viana do Bolo, despois da paralización da súa actividade por unha suspensión cautelar do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A mesa manifestou a súa solidariedade cos traballadores afectados, así como con toda a comarca e lembrou que a explotación leva dous anos funcionando con permisos regulamentarios, ademais de contar cunha declaración de impacto ambiental favorable que se tramitou durante os anos 2020-2021. Por iso, asegura que "ten todas as garantías ambientais" e "é un exemplo de boas prácticas".

"Traballadores e empresa, organizacións sindicais, asociacións sectoriais, Colexios profesionais, veciños e autoridades locais están unidos sen fisuras na defensa da mina", esgrimen desde a Mesa para o Desenvolvemento Renovable Industrial de Galicia, remarcando que o manifestaron publicamente declarando a súa "preocupación" "enorme" pola decisión de paralización, porque os empregados "queren traballar e non emigrar".

Así pois, a mesa súmase ás demandas e reivindicacións de todas as persoas implicadas directa e indirectamente e afea a resolución xudicial que, critican, "só valora unha parte" e co "único argumento" de que a actividade da mina "pode modificar a contorna", algo que, indican, "é intrínseco a toda actividade humana".

"O que hai que ter en conta non é a modificación da contorna, senón a existente tramitación administrativa que inclúe todas as garantías ambientais que marca a lei para a protección do medio ambiente", subliñan desde a MDRIG, que lamenta que a situación é "incomprensible" e "xera unha enorme inseguridade xurídica" "como xa sucede con outros proxectos decisivos para o avance industrial" da Comunidade Autónoma.

Mina da Penouta, en Viana do Bolo
Mina da Penouta, en Viana do Bolo | Fonte: youtube.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta