Por Europa Press / Redacción | | 15/11/2023 | Actualizada ás 17:58
"A Rabia", curta dirixida e producida polo galego Alberto Díaz (Bóveda 1984), é un dos proxectos candidatos aos Premios Goya na categoría de Mellor Curtametraxe de Ficción. Tamén tivo moito éxito nos 57 festivais, nacionais e internacionais, na que foi seleccionada e onde levou o premio en 8 ocasións. De igual modo, a cita está incluída no catálogo de “Shorts from Galicia” deste ano e foi candidata nos Premios Mestre Mateo.
Alberto Díaz escribiu con Ángela Andrada esta curtametraxe que conta a historia real da bisavoa do director nunha aldea lucense a finais do século XIX. Preséntanos a Filomena, a protagonista dunha vida marcada pola pobreza e unha triste sombra de calamidade e tormento. Os terribles acontecementos vividos durante a súa infancia marcarán o carácter da súa existencia, aínda que o destino sempre garda unha segunda oportunidade. O director busca unha estética moi coidada en forma, son e música na procura de levarse o tan desexado Premio Goya.
O reparto está formado por actores e actrices galegos como Antonio Durán “Morris”, Xosé Antonio Touriñan, María Vázquez, Gemma do Carmo ou Jorge Casas. Pero tamén por futuras promesas del cine como Zoe García, no papel de Filomena, ou Samuel Piñeiro, que interpreta ao irmán da protagonista. O proxecto foi producido por Mordisco Films, Montreux Entertainment, Pasajes Invisibles, Zampano Producciones e a distribuidora Yaq Distribución. A banda sonora é obra da compositora galega Carme Rodríguez.
"A verdade é que Galicia é brutal para rodar, hai pasaxes extraordinarias e moi diversas. O Courel, especialmente", afirma Alberto Díaz sobre as localizacións da curta, nas que destacaron os concellos de Bóveda e de O Incio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.