19N.- Abusos de curas en Vigo e Pontevedra: "Con 13 anos pediume que me baixara a bragueta e meteume a man polo cu"

Este 19 de novembro celébrase o Día para a Prevención do Abuso Sexual Infantil. Galicia Confidencial inicia unha serie de reportaxes sobre esta lacra social xa que ano tras ano os informes do Defensor do Pobo sacan á luz novos casos de abusos sexuais a menores de idade no seu do Igrexa católica. A maioría, son antigos, dos 60, 70 e 80, pero tamén se destapa algún máis recente. Aquí recollemos algúns.

Por Ángela Precedo | VIGO | 17/11/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os abusos sexuais a menores de idade son unha lacra difícil de erradicar, pois na sociedade sempre haberá monstros, por moitas medidas que se implanten para tratar de paralos. Sen embargo, se hai un lugar no que é aínda máis difícil frear a estas 'persoas' (nin sequera merecen ser chamadas así), é no seo da Igrexa católica, unha institución que aínda que na actualidade está comprometida coa loita contra os abusos, durante moito tempo permaneceu no escurantismo, encubrindo a moitos dos seus membros, practicantes da pederastia. Así as cousas, ano tras ano saen novos casos (a maioría destapados nos informes anuais do Defensor do Pobo) e, lamentablemente, case todos son do século pasado. Cantos haberá aínda hoxe en día dos que non se teña coñecemento porque as vítimas son moi pequenas e están coaccionadas para non falar? Mesmo na actualidade, o ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestouse fai ben pouco sobre o tema, dicindo que o mellor era non remover o asunto: "Chamar terroristas aos bispos non é de recibo", e iso que el foi alumno nun internado dos maristas en León, un dos epicentros das denuncias por abusos sexuais cometidos por relixiosos en España. 

Nenos do antigo colexio marista O Pilar de Vigo
Nenos do antigo colexio marista O Pilar de Vigo | Fonte: Maristas Vigo

Dende colexios ata as propias igrexas, pasando por seminarios ou casas da xuventude, non hai recuncho ao que non chegase este tipo de delito. Párrocos, bispos, frailes, profesores... toda clase de cargos participaron dos abusos a menores. Non importa a orde relixiosa, xa sexan salesianos ou maristas, xesuítas ou marianos, todos cocen fabas, como adoita dicirse. Dende Galicia Confidencial, e con motivo do Día Mundial para a Prevención do Abuso Sexual de Nenos, Nenas e Adolescentes, facemos un percorrido polos principais casos de abusos que os informes do Defensor do Pobo dos últimos anos detectaron na nosa terra, así como polos sacerdotes máis coñecidos que estiveron implicados en abusos (cantos haberá que aínda non se teñan descuberto, pois os casos van saíndo a contagotas). Hai moitos adultos que foron abusados na súa infancia que, como xa pasou tempo, prefiren deixar a cousa como está e non denunciar.

E é que antigamente, a Igrexa contaba con tanto poder que pobre de ti que foses un neno que chegase á casa dicindo á túa nai ou ao teu pai que o cura che tocara as partes íntimas, aínda levabas unhas azoutas por blasfemar contra un enviado de Deus. Por iso son tantos os casos que están a saltar a luz na actualidade pero que datan dos anos 60, 70 e 80. E, por desgraza, outros poucos estanse a coñecer e sucederon nos últimos anos. Unha lacra que, hoxe en día, a Igrexa católica tenta eliminar das súas filas, ao menos de cara á galería, sendo a primeira en impoñer expedientes sancionadores e en investigar aos párrocos acusados de abusos a menores de idade. Antigamente, o que se facía era encubrir aos denunciados e mesmo trasladalos a outras parroquias para que puidesen lavar a súa imaxe ou seguir abusando doutros nenos. Agardemos, polo ben dos máis pequenos, que as cousas sigan indo a mellor. Polo de agora, coñezamos algúns dos casos recollidos polo Defensor do Pobo nos seus últimos informes relativos ás grandes cidades galegas.

VIGO: DE XESUÍTAS A SALESIANOS, TODOS NO MESMO CESTO

Non hai vigués que non coñeza o Colexio Apostolo Santiago, e non por nada bo, dende logo. Durante anos estiveron descubríndose, pouco a pouco, casos e casos de abusos sexuais levados a cabo por profesores do centro, todos xesuítas, sobre os alumnos. En concreto, unha testemuña acusou o pasado 2022 a catro xesuítas de abusar sexualmente de varios alumnos deste colexio a finais dos anos 80 e comezos dos 90. Entre os acusados, figuraban nomes e apelidos, dos que publicamente se coñecen as iniciais: P.J.A., J.M.S.M., e o irmán G.Ll.; aos que se suma o pai P.P.R., nomeado por outro alumno no 2021, facendo referencia, no seu caso, a abusos relativos aos anos 70 e ata o 1992. Este exalumno conta que el estivo neste centro durante a década dos 70 e que os curas confesaban aos nenos nos seus propios despachos, onde bicaban aos menores e lles tocaban os seus xenitais. Ademais, recorda que o pai L. era o peor abusador. A eles súmanse outras dúas vítimas que van aínda máis atrás no tempo, ata os anos 1957 e 1964, facendo referencia ao pai Modesto Vázquez González. Unha delas conta que, durante unha confesión, o relixioso tocoulle sexualmente. A outra acúsalle de terlle "metido man" no seu despacho. Tamén se fai referencia ao irmán R.

Colexio salesiano San Roque de Vigo
Colexio salesiano San Roque de Vigo | Fonte: Salesianos

Así mesmo, noutro colexio non identificado da cidade olívica (que se presupón que pode ser o Compañía de Xesús, polas desculpas que pediu publicamente anos despois), tamén pertencente á orde dos xesuítas, un ex alumno denunciou ter sufrido abusos por parte dun relixioso que se encargaba da enfermaría do centro durante os anos setenta (entre 1976 e 1978) e por parte dun profesor, o irmán V. Isto tamén foi tónica habitual, pois outro ex alumno do mesmo colexio acusou ao mesmo relixioso encargado da enfermaría de abusar del no ano 1962. Ambos os abusos saíron á luz o pasado ano 2022. Boa parte dos acusados xa faleceron, pois naquela época dos abusos (anos 70 de media) xa se trataba de persoas maiores. Deste xeito, aínda que se coñezan estes testimonios, xa non hai xeito de empreder accións contra os abusadores.

Como contou ao diario El País unha das vítimas, todos os relixiosos seguían o mesmo patrón para actuar. Sempre tras portas pechadas tras as que tocaban aos nenos durante as confesións. Os alumnos, con idades entre os 6 e os 14 anos, tiñan que soportar como as mans dos curas se metían por dentro dos seus pantalóns. E o medo dos pais ao poder do clero, facía que acalasen aos seus fillos. Ademais, moitos destes nenos amosábanse confusos, pois eran moi pequenos e non comprendían como alguén próximo a Deus podía cometer tales pecados. "Durante os primeiros cursos que pasei alí o pai Modesto Vázquez portouse moi ben comigo. Pero un día, en 1957, cando tiña 13 anos, na súa oficina, pediume que me desabrochase o cinturón, baixoume a bragueta e empezoume a meter a man polo cu. Eu asusteime, e escapeime, saín correndo do cuarto. Cheguei á clase totalmente confuso", conta ao xornal nacional.

E fai ben pouco, o pasado mes de outubro, o famoso programa de La Sexta 'Salvados', recuperou tamén casos de abusos neste centro vigués. Unha ex compañeira de clase de Gonzo, o presentador, contáballe como un dos profesores gardaba tampóns, compresas e medias para as alumnas que o precisasen, ademais de ofrecer sesións de fotos. A ela, con 14 anos e a idea de poder ser modelo, fíxolle fotos en saia corta e media, con poses que el mesmo lle mandaba poñer. Outro ex compañeiro sufriu abusos na enfermaría do centro, e cando chegou á clase, xa todos os compañeiros sabían o que pasara: "Foi vítima ante 42 compañeiros de clase, todos soubemos o que pasara, non puido sacarse esa etiqueta, sempre foi 'o chaval da palla do enfermeiro", lembra Gonzo, que non foi consciente de que se trataba dun "abuso sexual" ata moito tempo despois, xa que sempre se tratou como "un tema de risas entre nenos". 

"Un día, en 1957, cando tiña 13 anos, na súa oficina, pediume que me desabrochase o cinturón, baixoume a bragueta e empezoume a meter a man polo cu. Eu asusteime e escapeime, saín correndo do cuarto"

Outro dos colexios que están rodeados dunha aurea nada desexable en Vigo é o Colexio do Pilar, da orde relixiosa dos maristas. Os casos cóntanse por deceas. Unha testemuña denunciou ao irmán Agustín Antón del Cueto (coñecido polo mote de O Cerilla) por, entre os anos 1981 e 1991, "insinuarse, acariciar, abrazar, coller da man, dar cachetadas no cu e entrar nos vestiarios dos alumnos". O irmán Agustín tería pasado tamén por outros colexios, como o San Xosé de Madrid, Oviedo, Ourense, o San Xosé de León e A Coruña. Coñeceuse este caso no 2021. Ano no que tamén outro irmán, Herminio, foi denunciado por pederastia cometida nos anos 70, e no que outros, os irmáns Miguel (moi coñecido na cidade por ser un dos fundadores do histórico equipo de voleibol Club Vigo) e Luis (chamado 'O Chosco'), tamén foron acusados polo mesmo entre 1966 e 1967 e entre 1960 e 1969. Ademais, na década dos 50, estaba o irmán Castañón, que abusaría de rapaces dende o 1958 e ata o 1988, e despois conseguiría chegar ao colexio Cristo Rei da Coruña e ao Colexio Santa María de Ourense. E, por se estes casos non fosen suficientes, os abusos foron cometidos ata por parte do director do centro, tamén profesor, Agustín Antón del Cueto (que tiña o nome relixioso de irmán Pablo), que abusou de rapaces entre 1964 e 1969 e logo estaría noutros centros maristas da Coruña, Segovia, Oviedo, Santiago e León. A maioría dos relixiosos acusados xa faleceron.

Pero o máis horripiante é que neste colexio non só houbo casos no pasado, senón que tamén recentemente, no ano 2010, se destapou o abuso cometido sobre dúas nenas no 2009 por parte dun marista, que rematou sendo condenado a dous anos de cárcere. Os episodios de abusos terían ocorrido no despacho que ocupaba o condenado, Fernando Vecino T., despois de que unha das menores acudira a xunto del a saudarlle e pedirlle golosinas e a outra menor fose alí, segundo dixo o seu pai, a facer unhas fotocopias. O xuízo contra este relixioso non se chegou a celebrar porque a súa avogada chegou a un acordo coa fiscalía e o letrado da acusación particular, que representaba aos pais dunha das nenas, que foron os que denunciaron os feitos. O acusado asumiu a autoría dos tocamentos e foi condenado por dous delitos de abusos sexuais, un deles continuado. Ademais da pena de prisión (non ingresou no cárcere ao non superar os dous anos a pena) e da multa, foi condenado a non aproximarse nin comunicarse coas vítimas durante un período de cinco anos e quedou inhabilitado para exercer calquera profesión ou oficio relacionado coa docencia durante un período de seis anos. No apartado de responsabilidade civil, a indemnización total de 14.000 euros imposta dividiuse en 6.000 euros para unha das nenas e 8.000 para a outra. E o pago foi asumido na súa totalidade polo procesado.

A sona deste colexio foi tal que o poeta e dramaturgo galego Pablo Fidalgo estreou a súa propia obra sobre a experiencia de violencia e acoso escolar que como alumno do centro experimentou hai unhas tres décadas. Outro dos ex alumnos asegura que os rapaces estaban presos dunha "violencia sistemática" e vivían nun ambiente de "horror" protagonizado por catro irmáns que os sometían a tocamentos tras levalos a lugares apartados e solitarios como o laboratorio, para o que lles dicían que lles darían doces. Algúns destes rapaces non tiñan máis de sete anos cando foron abusados. Outra vítima contaba ao diario El País que "téñoo metido dentro dende a infancia, foi un peso toda a vida e quero liberarme, facelo público". Contaba que "os abusos estaban institucionalizados, a maior parte dos nenos os sufriamos, estes catro profesores eran auténticos depredadores, nun ambiente sórdido e cuartelario, cunha violencia habitual e sádica; ese colexio era unha organización pederasta". En ceas de antigos compañeiros, explica, "eramos cerca de 60, preguntouse a quenes lles agrediran sexualmente e moitos levantaron a man". "Cando eres neno non sabes o que ocorre, non tes desenvolvidos os instintos, non eres consciente de que estás sendo sometido a abusos e non atopas explicacións. Despois madures e ves que era algo xeralizado, había tamén violencia física", expón a vítima.

"De min abusaron Castañón e 'O Chosco', tería sete anos cando todo comezou. O anzolo que normalmente usaban era invitarme a un caramelo ou a un refresco no recreo e, con este reclamo, levábanme ao laboratorio ou a unha das clases da planta baixa. Sentábanme nos seus xeonllos e comezaban a sobarme por fóra e por dentro do pantalón corto manoseando os meus xenitais. Recordo especialmente o alento fétido, os xadeos de 'O Chosco' e a súa sotana rota, sucia e malolente. Era un neno moi pequeno e non entendía o que estaba a pasar. Tampouco podía soportar a burla que nos facían os compañeiros de cursos superiores aos que saiamos do laboratorio ou das clases nas que se levaban a cabo os abusos. Eles sabían ben o que estaba a pasar porque, sen dúbida, xa o sufriran no seu momento", afirma esta vítima a El País. Outro alumno relata que Castañón lle levaba co seu irmán ao laboratorio e masturbáballes aos dous: "Recordo a súa respiración excitada".

"En ceas de antigos compañeiros, eramos cerca de 60, preguntouse a quenes lle agrediran sexualmente e moitos levantaron a man; cando eres neno non sabes o que ocorre, non tes desenvolvidos os instintos"

Pasando ao Colexio San Roque dos Salesianos, outra vítima acusou a un profesor de ter abusado sexualmente de varios alumnos nos anos 80, entre 1984 e 1987. O caso tardou en saír á luz ata o 2022. Outros ex alumnos, nese mesmo ano, denunciaron tamén abusos por parte do cura e conselleiro espiritual do colexio no ano 1979. E unha vítima relatara que, entre 1979 e 1980, o acusado Perfecto Fernández Mínguez propúxolle traballar na cantina do colexio. Despois de pechar o local metíase o seu soldo nos petos dos pantalóns e dicíalle que se quería os cartos tería que collelos de alí. O salesiano tiña unha erección e, polo tanto, o menor víase forzado a tocalo, segundo relatou tamén no ano 2022, cando saiu á luz o escándalo.

Unha das vítimas aseguraba nunha entrevista no diario El País: "Eramos 900 nenos. Era o harén do pervertido". Esta mesma vítima recorda como na sala de xogos do colexio, axudando ao relixioso Perfecto Fernández a vender golosinas aos seus compañeiros, dicíalle: "Este é o teu premio. Mete a man e non a saques". "Nada volveu ser igual", afirmaba, asegurando que quedara moi tocado tras este suceso. Como moitos outros nenos, non o contou aos seus pais por medo. E por iso eles non atenderon cando decidiu marchar da casa, sendo aínda un neno. "Jodéronme a vida de estudante. A un neno que lle fas iso, enchélo de medo e de frustracións. Durante catro ou cinco días deixei de ir ao colexio. E cando xa vín que a situación se ía a coñecer na miña casa, collín un autobús e funme á casa dos meus avós a Pontevedra. Escapeime da casa. Ninguén entendeu nada", contaba a El País.

"Axudaba a Perfecto Fernández a vender golosinas aos compañeiros, ao rematar dicía: Este é o teu premio. Mete a man e non a saques"

Finalmente, non hai que esquecerse das casas de acollida, que tamén foron centro de abusos no século pasado e no actual. Así, destapouse no 2016 que o director do centro Casa de Acollida Nosa Señora da Saúde en Vigo entre os anos 2003 e 2014, pertencente á institución Irmáns Misioneiros dos Enfermos Pobres, abusou de varios discapacitados. E, máis recentemente, este mesmo ano 2023, saltou á palestra outro caso de abusos que permanecía oculto por parte da Igrexa, pese ás numerosas peticións de información por parte dos medios, na Casa de Acollida de Teis.

PONTEVEDRA: CASOS EN PEQUENAS VILAS COMO CAMBADOS E BAIONA

Na provincia de Pontevedra, como xa puidemos ver, a maior parte dos casos déronse na cidade de Vigo, aínda que houbo outros casos en municipios máis pequenos que tampouco pasaron desapercibidos para o Defensor do Pobo. Así, no Colexio María Auxiliadora de Cambados un salesiano foi condenado a 32 anos e medio de cárcere no ano 2019 por ter cometido abusos sexuais sobre menores. Con todo, no momento de entrar en prisión, escapou, e foi este marzo de 2023 cando o tribunal ordenou a súa busca e captura. Cerca de Vigo, houbo outra condena a un cura, neste caso o da casa parroquial de Baiona. Caéronlle 21 anos no 2000 por ter abusado de menores. 

Ademais, na propia cidade de Pontevedra tamén hai que nomear a outra vítima que denunciou ao pai M., pertencente ao Colexio Misioneiros do Sagrado Corazón de Xesús de Pontevedra, que a finais dos anos 80 o tocou durante unha excursión de verán do colexio. No 2021 este denunciante aseguraba que o cura o sentou no seu colo e meteulle a man por dentro do pantalón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta