Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2023 | Actualizada ás 16:30
A proposta da Xunta, Galicia incorporou dous novos centros de FP á Rede Estatal de Excelencia de Formación Profesional, tal e como se recolle na resolución do Ministerio de Educación e Formación Profesional. Trátase dos centros integrados de Formación Profesional CIFP Someso da Coruña e CIFP Politécnico de Santiago de Compostela, que se suman aos outros tres incorporados o ano pasado (Carlos Oroza de Pontevedra, As Mercedes de Lugo e Ánxel Casal-Monte Alto da Coruña).
Deste xeito, Galicia conta con cinco centros na rede estatal, para os cales obtivo a máxima puntuación de todas as comunidades no conxunto da rede. Isto consolídaa como unha das comunidades líderes na Formación Profesional, no grupo de cabeza xunto con País Vasco, Navarra e Castela-A Mancha.
Para ambos os centros, que ocupan dúas das 17 prazas dispoñibles nesta convocatoria, valorouse o seu traballo e capacidade para ser referentes nos ámbitos da innovación e investigación aplicada, así como do emprendemento activo no ámbito local e autonómico. A integración nesta rede suporá a posta en marcha de distintos plans e proxectos de actuación para avanzar na transformación tecnolóxica dixital e metodolóxica.
Desde o CIFP Someso da Coruña faise unha aposta pola innovación educativa no sector da construción, empregando metodoloxías de aprendizaxe activa que fagan uso de tecnoloxías disruptivas como a Realidade Virtual, a Intelixencia Artificial para o desenvolvemento de prototipos e BIM (Building Information Model) como metodoloxía de traballo colaborativa en proxectos de construción.
Pola súa banda, no marco desta rede, o CIFP Politécnico de Santiago impulsará a formación do sector químico e biotecnológico, centrándose na actualización metodolóxica e a innovación, sendo consciente da importancia da tecnoloxía, a dixitalización e a transición ecolóxica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.