Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2023 | Actualizada ás 15:04
O sistema sanitario público de Galicia sitúase por primeira vez como o segundo cos mellores tempos de espera media para acceder a unha cirurxía dentro do Sistema Nacional de Saúde. O Ministerio de Sanidade publicou o venres un informe que recolle os datos do primeiro semestre do ano. Así, o tempo medio de espera para cirurxías en Galicia é de 66 días, cando a media estatal está en 112.
Mentres que a media nacional no último ano baixou nun día, os datos galegos baixan de 75 días en xuño de 2022 á media actual de 66 días, nove días menos nun ano. En canto á porcentaxe de pacientes que esperan máis de seis meses para unha intervención, Galicia mellora o seu propios resultado e pasa a ser o segundo territorio nacional con mellores datos. Así, a cifra descende ata o 3,4% dos casos, soamente contando con mellores datos Madrid (0,6%). Neste apartado, a media estatal sitúase no 17,4% dos casos.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en declaracións aos medios na inauguración do II Encontro Médico de Bergantiños, sinalou que estes datos deixan a Galicia nunha situación "moi boa" e que "teñen que seguir traballando" para alcanzar o obxectivo de finalizar o ano cos datos de 2019.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.