Investigadores galegos na busca de "bacterias recicladoras de plásticos"

O Grupo de Biotecnoloxía Ambiental da Universidade de Santiago (USC) está a desenvolver varios proxectos de investigación para favorecer o seu uso na reciclaxe.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2023 | Actualizada ás 17:17

Comparte esta noticia

O Grupo de Biotecnoloxía Ambiental da Universidade de Santiago (USC) está a desenvolver varios proxectos de investigación no ámbito das bacterias que se alimentan de plásticos, para favorecer o seu uso na reciclaxe. A investigadora Sabela Balboa Martínez, do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC, falará sobre este tema este martes no IES de Cotobade, unha charla enmarcada no IV Ciclo de Conferencias 'Aida Fernández Ríos' da Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias.

O alumnado, todo de cuarto curso de ESO, asistirá á charla 'Pequenas heroínas: bacterias que degradan plástico', na que Sabela Balboa mostrará aos mozos como os investigadores están a buscar estas bacterias e como se están empregando para degradar e reciclar os plásticos. No caso da USC, as investigacións avanzan na procura de bacterias capaces de degradar os plásticos de uso máis común, como o tereftalato de polietileno (PET) das botellas ou o polipropileno das máscaras. Ademais, están a crear unha tecnoloxía de reciclaxe do PET, un dos plásticos máis empregados no día a día, baseándose nestas bacterias, a través dun proceso rendible e respectuoso co medio.

A experta destaca que a produción anual de plásticos "estímase en máis de 430 millóns de toneladas", das cales só se recicla un 14% e outro 14% incinérase. A maioría, que representa un 72%, acaba no medio natural, e máis concretamente no océano, onde chegan 12,7 millóns de toneladas cada ano, xa sexa en forma de fragmentos grandes ou como microplásticos.

As bacterias, explica Balboa, están adaptadas a vivir en numerosos ambientes, entre eles os plásticos, e mesmo evolucionan para poder alimentarse deles. "Estas bacterias convertéronse, sen querelo, nunhas posibles recicladoras de plásticos cun potencial case ilimitado", destacou.

Contedor
Contedor | Fonte: ECOEMBES - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta