Por E.P. | Santiago de Compostela | 21/11/2023 | Actualizada ás 21:15
O presidente de Cegasal, Herminio Martínez, pronunciou un emotivo discurso na gala na que a asociación distingue cada ano a administracións, empresas e xornalistas polo seu labor en favor da inclusión. "Cando necesiten forza de vontade, veñan a un centro especial de emprego de Cegasal e verán que non hai montaña o suficientemente alta para que unha persoa con discapacidade non logre alcanzala", proclamou.
Segundo informa Cegasal, Martínez demandou, na súa intervención, "a imprescindible e xusta posta en marcha definitiva da contratación reservada", así como a diferenciación que debe de haber entre os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro e os que si o teñen porque, dixo, "non se debe facer negocio coa discapacidade".
Na Gala Cegasal 2023 foron premiados o conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, o Concello de Ames, co seu alcalde Blas García, á cabeza; a farmacéutica Janssen; a secretaria xeral para vos medios da Xunta de Galicia, Silvia Valdés; e os xornalistas Cristina Barral (a Voz de Galicia) e Iago Ebrero (Enfoques.gal).
Os OBXECTIVOS
Cegasal cumpriu en 2022 os 25 anos de vida e conseguiu que o 96% dos traballadores dos 32 centros que representa sexan persoas con discapacidade. O obxectivo para os próximos anos é aumentar a taxa de creación de emprego un 20%, é dicir, xerar 400 postos de traballo máis.
Na actualidade, os centros especiais representados pola asociación --todos sen ánimo de lucro--, facturan no seu conxunto máis de 44 millóns de euros e dan emprego a 2.162 persoas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.