Por Galicia Confidencial | Ourense | 28/11/2023 | Actualizada ás 09:00
Os organizadores do 14º Salón do Automóbil que se celebrou no recinto de Expourense sinalaron que esta feira achegouse ás súas expectativas, tanto no referente ás vendas de vehículos --265 coches-- como de visitas recibidas --máis de 8.000-- no recinto feiral dende o pasado xoves día 16 de novembro ata o domingo 26. Foi unha cita organizada de forma conxunta entre Expourense e A.C.A.U.T.O. que contou coa participación de 15 concesionarios que representan a 24 marcas.
A cifra de vendas comentada ascenderá nos vindeiros días, xa que é frecuente que se pechen, durante esta semana e a próxima, operacións comezadas nestes salóns. A esta cifra hai que engadir tamén os 127 coches vendidos durante a última edición do Car Outlet organizada tamén entre Expourense e ACAUTO e celebrada no pasado mes de abril.
SORTEO BONO DESCONTO DE 6.000 EUROS
Como incentivo para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volveu poñer en marcha o sorteo, entre aqueles que mercaron un automóbil durante o salón, un bono desconto por importe de 6.000 euros a descontar do prezo de venda do vehículo adquirido e que supón o desconto máis grande realizado en feiras deste tipo en Galicia.
A.C.A.U.T.O. realizará o martes 28 de novembro ás 12.00 h. o sorteo ante notario na sede da Confederación Empresarial de Ourense entre as 265 papeletas que cubriron os compradores. A entrega do bono desconto terá lugar o luns 4 de decembro no concesionario que vendera o coche cuxo cupón resulte premiado.
SEGUE A ACTIVIDADE NO RECINTO DE EXPOURENSE
A actividade feiral en Expourense continúa xa esta mesma semana coa celebración da sexta edición de Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo, e do Cuarto Congreso Internacional de Turismo e Deporte que terán lugar no recinto feiral os días 30 de novembro e 1 de decembro.
Estes dous eventos darán paso xa á actividade deportiva que comeza xa esta semana coa colocación da pista de atletismo cuberta que albergará esta tempada unha vintena de campionatos e competicións entre os que destaca o Campionato de España de Atletismo Absoluto que se celebra entre o 16 o 18 de febreiro de 2024.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.