Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2023 | Actualizada ás 18:53
Os mariscadores a pé de Rianxo pedirán un paro biolóxico de seis meses ante a morte masiva de berberecho e ameixa xapónica, "de case o 100%". En declaracións a Europa Press, o patrón maior de Rianxo, Miguel Iglesias, explica que se vive unha situación "moi crítica", polo que pediron unha reunión co director xeral de Pesca, Antonio Basanta, para abordar a opción de paro biolóxico.
Apunta que se realizan mostraxes na zona que revelan que mesmo a ameixa máis grande que estaba enterrada está morta. Agora mandaranse estes datos á Consellería do Mar co obxectivo de pedir ese cesamento e que os 140 mariscadores afectados na zona cobren axudas.
PARADA EN CABO DE CRUZ
Pola súa banda, a presidenta do colectivo de mariscadores a pé de Cabo de Cruz, Mercedes Mariño, relata que "coas choivas que houbo a salinidade do mar baixou e o marisco morreu, morreu moitísimo berberecho; queda algunha cría moi pequena, se a removes, como non ten forza para decatarse, acabará morrendo".
Así mesmo, sinala a Europa Press que "a ameixa babosa está practicamente toda morta, a ameixa fina tamén está toca e está a morrer". Indica sobre a "que mellor resiste, a japónica", que xa se viron casos a semana pasada da metade de partidas en lonxa medio mortas.
Lamenta que non houbo ventos no nordeste na primavera para facer aflorar o marisco e agora a cría non se pode remover. "Estamos un pouco no aire", expón. Agora, pararán ata o 11 de decembro co fin de ver se hai unha melloría, pero quéixase de que esta mesma semana volveron as choivas.
Sobre a campaña de Nadal, Mariño di que "a esperanza é o último que se perde", aínda que a situación "está complicada". E é que asegura que a actual situación lémbralle ao ano 2000, cando estiveron "un ano enteiro" sen poder traballar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.