Éxito rotundo do Outono Códax Festival 2023

O público esgotou as entradas en seis dos sete concertos do festival que se realizaron en Santiago e a organización calcula que unhas 6000 persoas asistiron aos concertos e ás actividades programadas. Levar a Madrid dous concertos e algunha actividade tamén resultou un acerto ao darlle notoriedade e expansividade ao evento.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/11/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A 13ª edición do Outono Códax Festival quedará marcada pola excepcional acollida que tivo por parte do público. En 6 dos 7 concertos que se celebraron en Santiago colgouse o cartel de «sold out». "Aínda que para nós a valoración cuantitativa non é o indicador máis relevante, non cabe dúbida de que é un dato abrumador en canto a acollida que ten a proposta entre o público", sinalan os organizadores do festival.

Concerto do Outono Códax na Sala Capitol. Foto: Cris Andina (cedida polo festival).
Concerto do Outono Códax na Sala Capitol. Foto: Cris Andina (cedida polo festival).

UN ACERTO LEVAR O 'OUTONO CÓDAX' A MADRID

O Outono Códax 2023 foi o máis ambicioso da historia do festival, tanto pola nómina de artistas que formaban parte do seu cartel, como polo feito de trasladar a Madrid dous concertos e varias actividades paralelas. O obxectivo desta estratexia organizativa foi dar a coñecer e promover o festival así como a programación que se desenvolveu en Santiago ao longo de todo o mes de novembro. En palabras dos propios organizadores "o propósito de facer unha presentación do festival e un concerto en Madrid, entre outras actividades, era buscar o poñer en valor a programación do Outono Códax e expandir a súa notoriedade". E ese obxectivo, engaden, "quedou dobremente cumprido, tanto pola atención que nos prestaron os medios de comunicación e os axentes da escena musical madrileña, como pola acollida que tivo entre o público o concerto de Sarah Shook que fixemos na sala Clamores”.

DIFUSIÓN RADIOFÓNICA

A emisión en directo dende a sala Capitol do programa El Sótano de Radio 3, que tivo lugar o xoves 23, tamén tivo unha grande repercusión. Seguírono unhas seiscentas persoas, non só na súa emisión en directo senón tamén a través do podcast de Radio Nacional de España e das redes sociais do propio programa, do festival e dos artistas que nel participaron.

AGRADECEMENTOS

A organización do Outono Códax amosou tamén nunha nota de prensa de balance final do festival que está moi agradecida polas numerosas manifestacións de gratitude e aos parabéns recibidos que moitos dos artistas desta edición lle adicaron publicamente ao festival a través das súas redes sociais, dende as que tamén fixeron unha notoria difusión da cidade de Santiago. O trato respectuoso cos artistas é unha máxima deste festival e este tipo de retorno, en forma de recoñecemento e gratitude, consolida un xeito de organizar e tamén lle dá boa prensa ao evento e á propia cidade de Santiago.

Público e patrocinador tampouco se quedan sen recoñecemento, máis se cabe, nesta exitosa edición. "A resposta que tivemos do público e o compromiso que sempre nos amosa Bodegas Martín Códax anímanos a seguir nesta liña e intentar mellorala, aínda que cada ano no lo poñemos máis difícil", explican os organizadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta