Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2023 | Actualizada ás 20:04
A décimo sexta edición de Culturgal abriu as súas portas este venres no Recinto Feiral de Pontevedra para seguir sendo a "casa común" da cultura galega. A Feira das Culturas Galegas despregará ata o vindeiro domingo 3 de decembro un programa "variado e transversal" que servirá como escaparate das culturas "ricas e variadas" que existen en toda Galicia, segundo destacou no acto de inauguración o presidente da asociación Culturgal, Víctor López.
"Culturgal é un escaparate, pero tamén unha xanela ao futuro" que ofrece este ano unha programación "ampla e plural", que, remarcou, aspira a "retratar a variedade de propostas que temos a día de hoxe". Máis de 200 actividades desenvolveranse en Culturgal 2023, no seu cinco escenarios dedicados á literatura, a música, as artes escénicas, a programación infantil ou a arte, ademais de áreas dedicadas aos videoxogos ou aos cómics.
Nela participan máis dun centenar de expositores, que non só exhiben o máis selecto da produción cultural galega que cada un dos sectores impulsou este ano, senón que mostran un avance das novas tendencias e propostas nas que traballan para 2024. A feira ten este ano unha ampla programación para toda a familia.
"SOLIDEZ E COMPETITIVIDADE"
No seu discurso durante o acto de inauguración, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, destacou "a solidez e a competitividade" da industria cultural galega, á que puxo como exemplo de "modernización e capacidade de adaptación aos novos formatos e hábitos de consumo". Segundo os datos ofrecidos polo conselleiro, a cultura supón xa o 3% do PIB en Galicia e emprega a unhas 35.000 persoas, ademais "cohesiona e identifícanos como pobo e ten a virtude de que non se usa nunca para comparar e para separar", senón que "respecta a diversidade e a diferenza", manifestou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.