Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2023 | Actualizada ás 11:09
A Xunta de Galicia oferta 901 prazas no concurso de traslados destinado ao persoal de prevención de incendios e axentes forestais e ambientais.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes concursos comúns para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración especial correspondentes ás escalas técnica e auxiliar vinculadas ao servizo de prevención e defensa contra incendios forestais, e da escala de axentes forestais e axentes facultativos ambientais da Xunta.
En concreto, segundo detallou a Consellería de Facenda e Administración Pública, ofértanse 780 prazas no ámbito do servizo de prevención de incendios e outras 121 prazas no concurso de axentes forestais e axentes facultativos ambientais. Os últimos concursos de traslados destas escalas, destacou, convocáronse nos anos 2009, 2011 e 2012.
A través deste proceso, a Administración cobre os postos de traballo vacantes e o persoal funcionario pode cambiar voluntariamente do seu posto de traballo a outro que se adapte mellor ás súas preferencias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.