Rueda acusa o Goberno de "chantaxe" ás comunidades e espera que rectifique "a ameaza" sobre o déficit

"Todos sabemos que estaba a mentir, supoño que ela a primeira", fai referencia á ministra Montero.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 12/12/2023 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cargou contra a actitude do Goberno e, en concreto, da ministra de Facenda, María Jesús Montero, á que acusou de facer "chantaxe" ás comunidades "dicindo que se non se acepta o 0,1%" de déficit" e o PP vétao no Senado, pois será como "as lentellas" --en referencia ao dito popular 'lentellas, se queres cómelas e, se non, déixalas-- e podería forzalas ao déficit cero.

En declaracións aos medios en Vigo, Rueda atribuíu a Montero "unha chantaxe", ao que logo apostou por "porlle o apelido de (chantaxe) político para que ninguén se enfade máis da conta", á vez que manifestou que espera "de verdade" que o Executivo que dirixe Pedro Sánchez "rectifique esa ameaza velada ou non tan velada da ministra". "Que negociación é esa? Que ganas de colaborar?", preguntouse. Manifestouno despois de que, tras o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) deste luns, se oficializase que o Ministerio de Facenda sitúa o obxectivo de déficit das comunidades autónomas en 2024 no 0,1% do PIB.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda / DAVID CABEZON / Europa Press
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda / DAVID CABEZON / Europa Press

Rueda mostrouse crítico respecto diso desta decisión e tamén reprobou que Montero afirmase que "non había negociación bilateral sobre a condonación da débeda a Cataluña". "Todos sabemos que estaba a mentir, supoño que ela a primeira. Por tanto, un CPFF no que quen o preside non conta a verdade sobre algo tan fundamental, na miña opinión ten moi pouco valor", lamentou o presidente galego, quen tamén se queixou da tardanza en comunicar as entregas a conta. "Menos mal que non esperamos a saber esas cifras para facer o orzamento, senón non o teriamos ata abril ou maio", reflexionou..

"NON TEN NINGÚN SENTIDO"

Tamén se reafirmou en que "non ten ningún sentido" que o Goberno central "se reserve practicamente toda a capacidade de déficit" e non deixe "ningún" ás autonomías, que son as que teñen competencia sobre os servizos públicos "fundamentais" como "sanidade, educación e servizos sociais". Sobre Galicia, remarcou que xa se articulou o orzamento de 2024 cunha capacidade de endebedamento "calculada a cero", pero, aínda así, incidiu en que "non é normal que se hai un 3% (de marxe) o Estado diga que se reserva o 2,9% e o 0,1% repárteo entre todas as comunidades, que son as que prestan os servizos que máis recursos públicos necesitan investir".

"MOI POUCA COGOBERNANZA"

Nesta conxuntura, Rueda reafirmouse en que o CPFF foi "moi pouco colaborativo, moi pouco de cogobernanza". "Ao Goberno gústalle moito falar diso, pero cando ten ocasión de demostralo, fai o contrario", esgrimiu, antes de remachar que o sucedido na pasada xornada é un "mal comezo". "Espero que rectifiquen e que entendan que a cogobernanza consiste noutra cousa", recalcou.

E puxo o foco no déficit de novo, para insistir en que o Goberno ten que facer "chantaxes" ás comunidades porque, ante a condonación de "13.600 millóns de débeda a Cataluña", "se non, non lles dá".

Rueda concluíu, sobre as entregas a conta, que el non discutiría un cálculo matemático "se é unha repartición igual para todos", pero insistiu en que é coñecido por "todos" que "non é así". Como exemplo, apuntou que a máxima responsable de Facenda catalá non acudiu sequera na pasada xornada porque "dixo que ela estaba a falar pola súa conta".

"Iso quere dicir que non lle interesa falar cos demais porque entón imos ver claramente o que hai. E o que hai son privilexios en detrimento do resto de comunidades. Eu non calculo a cifra inicial que nos ofreceron se é un cálculo matemático, pero se hai moito máis que repartir claro que pedimos moito máis, como todo o mundo. O que pasa é que iso non o queren dicir porque xa está repartido a quen todos sabemos", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta