Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2023 | Actualizada ás 17:25
O Parlamento galego aprobou este mércores unha uniciativa por unanimidade --con votos a favor de PP, BNG e PSdeG-- para solicitar ao Goberno central que os alumnos con déficit de atención e hiperactividade (TDAH) poidan acceder ás bolsas destinadas a necesidades específicas de apoio sen ter que acreditar unha discapacidade do 33 por cento.
Trátase dunha proposición non de lei (PNL) do Grupo Popular que contou co 'si' de toda a oposición na Comisión 4ª, de Educación e Cultura da Cámara autonómica. Con esta resolución, o Parlamento pide ao Goberno de España que cumpra cunha sentenza do Tribunal Supremo a este respecto. Na sesión da Comisión 4ª celebrada este mércores tamén se aprobou unha PNL do BNG, co voto a favor do PP e a abstención do PSdeG, para solicitarlle ao Ministerio de Educación un cambio nas condicións de acceso ás axudas ao estudo para o curso 2023/24 para beneficiar ás familias con algún membro autónomo.
En concreto, o obxectivo é que os limiares establecidos como topes máximos en ingresos por actividades económicas atendan aos "beneficios netos reais" derivados de tales actividades e non unicamente á súa facturación.
LEI DE CULTURA INCLUSIVA
Por outra banda, na Comisión 4ª quedaron designados os deputados que se encargarán do relatorio do proxecto de lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia. Por parte do PP, serán José Luís Ferro como titular e Teresa Egerique como suplente; do BNG, Mercedes Queixas (titular) e Daniel Castro (suplente); e do PSdeG, Noa Díaz (titular) e Noelia Otero (suplente).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.