Sumar Galicia avanza cun proxecto propio no que evita coalicións e sigla de partidos

O movemento de Yolanda Díaz ficha, sobre todo, a dirixentes e militantes de Podemos, EU-IU e a cargos do ámbito das mareas municipalistas afíns. Os nomes do mundo socialista ou nacionalista son case residuais tras naufragar as conversas con Anova.

Por Xurxo Salgado | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Sumar Galicia avanza en solitario cun proxecto "propio" no que non se quere unha suma de siglas ou partidos como aconteceu con algunhas mareas municipalistas ou experiencias anteriores como Galicia en Común. Polo momento, esa é a folla de ruta que se segue e na que xa non está Podemos Galicia.

Paulo Carlos López, voceiro de Sumar
Paulo Carlos López, voceiro de Sumar | Fonte: Europa Press

Os de Yolanda Díaz teñen aínda abertas negociacións con EU-IU pero non sobre a base de coalicións ou reparto de cotas de poder o de nomes en listas, senón baixo as condicións da propia Sumar.  O portavoz da entidade en Galicia, Paulo Carlos López, daba este xoves por sentada a participación de Esquerda Unida-Esquerda Unida (EU-EU) no proxecto argumentando que xa forman parte da coalición estatal e están a traballar a nivel de Estado. "Entendemos que está representada e que nos acompaña e colabora dentro de Sumar Galicia", defendeu a preguntas dos xornalistas.

De feito, os principais cargos e dirixentes de EU-IU en Galicia xa foron fichados por Yolanda Díaz, o último Rubén Pérez, responsable de política municipal desta formación e ex voceiro de Marea de Vigo, agora número dous no Ministerio de Xuventude.  Por iso, a integración do partido no que militou Yolanda Díaz ata o 2019 en Sumar dase por feita. "E será sen esixencias, nin cotas", apuntan fontes do movemento consultadas por GC.

Precisamente, iso foi o que fixo que as negociacións naufragaran con Podemos Galicia, un divorcio que se consumou, ademais, coa saída de Podemos do grupo de Sumar no Congreso. O partido morado pedía nun inicio unha coalición ao 30% entre Sumar, Podemos e EU-IU, algo que agora, é inviable.

De feito, a única porta aberta para Podemos en Galicia é a título individual, xa non como partido. E iso foi o que aconteceu con Gloria Alonso, ata este luns, secretaria de Organización da formación de Belarra en Galicia, e agora integrante da comisión sindical de Sumar. "En Podemos non se permite a doble militancia", apuntan desde o partido morado para xustificar a súa saída.

Paulo Carlos López foi contundente con Podemos Galicia a este respecto. "É hora de pasar páxina", dixo ao negar unha eventual coalición con Podemos Galicia. De feito, desde esta formación din que xa non hai conversas pero non descartan ningunha posibilidade, entre elas, as de apoiar, finalmente, as regras de Sumar.

SOCIALISMO E NACIONALISMO

O que si xa se descarta é un acordo con Anova, o que lle daría a Yolanda Díaz argumentos para falar dun movemento "transversal" en Galicia ao sumar ao seu proxecto a "pata nacionalista". A única fichaxe deste ámbito foi a do ex portavoz do BNG en Teo, Manuel Barreiro, moi crítico con como se xestionou a substitución na formación nacionalista e que acabou abandonando este partido. Tamén o propio voceiro de Sumar, Paulo Carlos López, militante no seu día do Bloque, antes de formar parte de Compromiso por Galicia, no que tamén estivo o académico Henrique Monteagudo.

A promotora de Sumar Galicia preséntase este xoves publicamente con 50 nomes tras a súa constitución o pasado mes de novembro. O seu obxectivo era incluír a persoas de todo o espectro da esquerda á esquerda do PSOE. E, precisamente, deste partido procede unha das últimas fichaxes, a do ex deputado e candidato a Secretaría Xeral do PSdeG Juan Díaz Villoslada.

DECLARACIÓN DA COMISIÓN

Sumar Galicia tamén presentou a súa declaración, na que se define como "un espazo amplo que acolle a persoas e organizacións que comparten os valores do progresismo, recoñecemento nacional de Galicia nun Estado plurinacional e a promoción dos dereitos humanos nos ámbitos sociais, político, culturais e institucionais".

No documento tamén analizan os "15 anos" de goberno de Feijóo e Alfonso Rueda, que "deixan unha Galicia máis pequena no seu autogoberno, e non só por non alcanzar nin unha soa competencia, senón pola súa nula vontade política de exercer o autogoberno".

Sumar Galicia defende ademais un proxecto para a próxima década co obxectivo de "gobernar" e di que conta con "todos os ingredientes necesarios para o seu éxito: a necesidade de que Galicia conte cun novo contrato territorial, a oportunidade de tecer un espazo político amplo e novo, a intelixencia para facelo sumando e construíndo unha alternativa programática, a certeza da posibilidade do cambio político en Galicia e a convicción de que a cidadanía merece un goberno á altura das súas necesidades.

NOMES

Forman parte da promotora, entre outros, nomes como o do ex alcalde de Ferrol Jorge Suárez ; as deputadas galegas de Sumar --Marta Lois e Verónica Martínez Barbeiro--, os asesores do Ministerio de Traballo Manolo Lago (ex deputado tamén no Parlamento) e José Manuel Sande (ex senador e ex concelleiro de Marea Atlántica); o ex secretario xeral de CC OO en Galicia, Ramón Sarmiento Solla; a responsable de LGTBI de UGT-Galicia, Laura García Parada; e a delegada sindical da CIG e activista do movemento feminista, Rocío Núñez Rúa (próxima a Marta Lois e que xa participou na campaña das xerais).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Moine

Madrid só trouxo-nos emigraçom e roubo dos recursos económicos e financeiros. O Belesar serviu para industrializar Getafe e subvencionado-lhe por parte dos galegos o seu desenvolvimento; pois para levar-lhes a electricidade tivo-se que construir quilómetros e quilómetros de linhas de alta tensom, a vez que manter a sua viabilidade minuto trás minuto; enquanto Chantada era e é um deserto industrial. A única política dictada por Madrid para as gentes de Chantada é a EMIGRAÇOM, tendo ao seu pé o encoro de Belesar que lhe proporcionaria toda-la energia a mui baixo custo.

2 Ixtlan

O ninguneo autoritario das outras organizacións existentes na esquerda é notorio e non fala moi ben dese movemento chamado Sumar Galicia. Quizais debería bautizarse mellor “Restar Galicia”…

1 Gamela

A verdade é que este Totum Revolutum dá igual cando todos son Súbditos da Lideresa ! Alégrame ver que Martiño Noriega RESISTE os cantos de serea... Pero non comprendo como nin Nestor Rego nin Ana Pontón (nin Paco Rodríguez) teñen a pouca vergoña de tenderlles unha man ou facerlles unha INVITACIÓN a Participar dunha Candidatura Nacionalista UNITARIA ! Clarificar as cousas dentro do Nacionalismo sería un Milagre ?