Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 20/12/2023 | Actualizada ás 15:24
Os sindicatos CC.OO., CIG e UGT anunciaron este mércores a convocatoria dunha xornada de paro, o 10 de xaneiro, no sector da limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra, en demanda dun "convenio digno" e "ante a insistencia da patronal" de facer propostas que "supoñen profundar na precarización" dos 11.000 traballadores e traballadoras afectados por este marco regulador.
As negociacións para o novo convenio comezaron en febreiro e, segundo as centrais, desde entón, "apenas se produciron avances" pola parte empresarial, que pretende aplicar unha subida salarial do 2,66 % para cada un dos tres anos de vixencia (2023-2025), sen cláusula de revisión, algo que cualifican de "inaceptable".
"Un incremento total do 8 % en tres anos cando o IPC dos últimos dous anos foi do 12,2 % é un insulto", denunciaron e lembraron que este sector xa está "altamente precarizado", cun 85 % do persoal feminino e case todas con xornada parcial. "Esta parcialidade fai que haxa compañeiras que teñen que traballar ata en cinco empresas ao mesmo tempo, mentres que os homes teñen todos xornada completa", incidiu Transi Fernández (CIG).
Os sindicatos pediron ás patronais AELPO e ASPEL un incremento salarial digno e con claúsula de revisión, así como unha redución de xornada, que suporía maiores cotizacións e salarios nun sector con tanta contratación parcial. Outra das peticións é que as horas que 'deixan' as persoas que se xubilan sexan repartidas entre o resto de traballadoras (actualmente o convenio recolle que se lle dan esas horas aos empregados de máis antigüidade, pero as empresas non teñen obrigación de facilitar as listas de antigüidade e acaban repartindo as horas "a quen lles interesa").
Transi Fernández lembrou que este sector tamén está en conflito na provincia de Lugo, e que hai mobilizacións en Ourense e, na Coruña, "o convenio acaba en breve", polo que, en xaneiro, os catro convenios estarán "paralizados" pola actitude de ASPEL (patronal estatal), que "se nega a pactar uns soldos dignos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.