Os "Campións" de Galicia... neste partido de rugby gañou a inclusión

Tuxeleires de Santiago e Crat Sharks de Coruña xogaron para divertirse e sen marcador.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 24/12/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O sábado 16 de decembro saíra o sol no campo de Rugby da USC onde estaba todo preparado para que se disputase o I Partido de Rugby inclusivo en Compostela que enfrontou a Tuxeleires de Santiago e Crat Sharks de Coruña, organizado por Don Bosco. Xogaban unha especie de 'volta' porque a ida xa se disputara o tres de xuño na Coruña. Nesta ocasión, minutos antes do inicio, cada equipo facía un círculo con berro motivacional incluído e con todo listo comezou a moverse o balón. Para quen nunca vira un partido de rugby é un deporte no que participan en cada equipo 15 xogadores e a prioridade é avanzar coa pelota máis aló da liña de gol. Neste caso é mixto, mulleres e homes, e hai persoas sen e con algún tipo de discapacidade. 

Un momento do partido
Un momento do partido | Fonte: Tuxeleires

Tuxeleires e Crat sharks son os únicos equipos inclusivos que están na Federación Galega de Rugby. “A idea é que sexan máis equipos dentro duns anos”, recoñece Xavier Vidal, adestrador de Tuxeleires. Este equipo naceu cando Xavier e outros adestradores foron a entidades de discapacidade intelectual en Santiago e arredores para propoñer adestrar ao rugby. “A tempada pasada adestrabamos cada mes e agora xa cada dúas semanas”. No caso do Crat Sharks, o equipo como di o adestrador coñecido como Cala, creouse a raíz do “boca a boca”, empezaron con tres persoas con algún tipo de discapacidade e hoxe en día son xa once. 

Cos primeiros compases do partido,  desde o banco escóitase “e eu cando entro?” e un dos adestradores responde “en sete minutos xa che toca”. As ganas nótanse nun ambiente onde abondan os sorrisos e o xogo bonito. 

O RESULTADO NON IMPORTA

O público animaba instintivamente “Tuxeleires, imos Crat”, porque desde a bancada, o mellor era asistir a un espectáculo deportivo de xogo limpo, de compañeirismo e de vivir a emoción dese irmán, sobriño ou amiga que xoga a un deporte tan nobre. “Isto no fútbol non pasa", dicía un dos siareiros. O rugby como deporte ten “valores moi sans” di Xabier e Cala engade que co rugby inclusivo se volve “ás orixes do xogo”. Notábase que o importante era divertirse e o resultado quedaba nun segundo plano. Do marcador ninguén se lembraba e ambos equipos festexaron chegar ao obxectivo esquivando rivais e avanzando. 

Momento de partido
Momento de partido | Fonte: Tuxeleires

Ao final de encontro, non faltou o xesto de deportividade por excelencia, saúdos e o corredor duns a outros, que avanzaba con lentitude por mor das apertas e felicitacións. Porén, aínda quedaba outro partido que xogar antes de marchar comer. A inclusión no seu máximo esplendor cando se mesturan os equipos e cambian de camisetas para disputar outro tempo e compartir unha nova experiencia. O momento medallas e trofeos tamén foi do máis especial porque eran gañadores e gañadoras. 

Escoitamos como un dos xogadores dáballe a noraboa ao árbitro e recoñecía que lle gustaba especialmente a súa indumentaria. Oxalá este xesto non fose sorpresa porque deixa patente os valores do deporte. Ningúen quedou sen medalla e despois diso quedaba o terceiro tempo (neste caso xa o cuarto) no que había que comer, beber e festexar. Se queres poñerlle cara aos protagonistas, falamos con eles logo do partido para coñecer as súas impresións e podedes velo nas nosas redes sociais. 

A REFERENCIA NO CINE CON 'CAMPEONES'

Deporte, inclusión, diversidade, visibilidade e cine tradúcese en ‘Campeones’, a película dirixida por Javier Fesser e coa que Jesús Vidal gañou un Goya. Ven os adestradores destes equipos galegos similitudes co filme? “Da película hai moitos cousas aplicables ao noso día a día, pero magnificado”, afirma Cala, mentres que Xavier fai fincapé na importancia de que as persoas con discapacidade intelectual ou de calquera tipo “compartan espazos con aquelas que non o teñen”. Tamén facendo referencia á primeira película de ‘Campeones’, considera que o feito de que competisen entre persoas con discapacidade, “non é realmente inclusivo”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta