Galicia amplía a campaña de vacinación da gripe e do Covid ata o 12 de xaneiro

Sitúase como líder en cobertura da franxa de máis de 60 anos no conxunto do Estado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2023 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou que a campaña de vacinación da gripe e do Covid amplíase ata o próximo 12 de xaneiro. Así o declarou este venres nun acto na Consellería, no que estivo acompañado da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo. As persoas de máis de 60 anos, embarazadas e as pertencentes a grupos de risco teñen dispoñibles os hospitais públicos galegos para vacinarse de forma conxunta de gripe e Covid e, ademais, nos centros de saúde administrarán a vacina da gripe, dirixida tamén a nenos de seis a 59 meses de idade ou persoas fumadoras.

Segundo os últimos datos, ata o momento, máis de 760.000 galegos están vacinados fronte á gripe, dos cales 34.000 son menores de cinco anos, o que supón o 48% do total. Na cobertura dos maiores de 80 anos é máis do 81%, un dato que é máis alto que o de vacinación contra o Covid xa que, lembrou, cando se pasa recentemente esta enfermidade non se pon a vacina. Nos maiores de 65 esa cifra sitúase no 72% e nos maiores de 60 anos é do 67% e algo máis do 48% dos menores de cinco anos están vacinados, "un dato importante", aínda que "menor que o pasado ano".

VACINADOS CONTRA O COVID

En canto aos datos de vacinados contra o Covid, publicados polos Ministerios de Sanidade a pasada semana, Galicia sitúase como líder en cobertura da franxa de máis de 60 anos, cun 65,85% de vacinados maiores de 60 anos, o que supón cinco puntos máis que Navarra e 10 máis que a media do Estado.

Comesaña detallou que, nos maiores de 80 anos, o 77,16% están vacinados, o que supón 17 puntos máis que a media nacional, un 66,88% na franxa de 70-79 anos, nove puntos por encima da media e o grupo de 60-69 alcanza un 53,50% que son 25 puntos por encima da media do Estado. O total da vacinados fronte ao Covid en Galicia supera os 637.000.

HOSPITALIZADOS DE COVID E GRIPE

En canto aos hospitalizados hai 432 persoas por gripe en Galicia, 15 máis que o día anterior, e delas 20 están na unidade de coidados intensivos. No que vai de tempada, rexistraron 888 ingresos hospitalizados por gripes --todos co virus do tipo A-- e 48 pacientes tiveron que ingresar na UCI.

En canto ao Covid, a día de hoxe hai 138 persoas ingresadas nos hospitais galegos. Así, nove delas están na UCI --catro na Coruña, dous en Vigo, un en Ferrol, un en Lugo e un en Ourense.

VACINA DO VIRUS SINCITIAL RESPIRATORIO

Por outra banda, na vacina contra o virus sincitial respiratorio (VRS), aos recentemente nacidos aos que lle ofreceron a vacina o dato de adherencia é do 93%. Ademais, a Xunta lanzou un proceso de recaptación para os que naceron desde o 1 de abril e o dato de vacinados sitúase no 86%. En canto aos nenos de risco están todos vacinados contra este virus.

O VRS é o causante da bronquiolitis unha enfermidade que provocaba ata un milleiro de hospitalizacións en Galicia, un dato que descendeu de "considerablemente", como se pode comprobar mediante un informe que publica a Consellería semanalmente.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta