Por Xurxo Salgado | Compostela | 28/12/2023 | Actualizada ás 16:38
Profesionais, partidos políticos e usuarios dos hospitais públicos galegos levan denunciando varios días o colapso no servizo de Urxencias dos hospitais públicos galegos. Unha situación que obrigou ao Sergas a admitir a situación e que xustificou polo incremento do pico de casos de gripe e de Covid.
Precisamente, este foi o mesmo argumento utilizado polo presidente galego quen, preguntado a este respecto na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, confirmou que, precisamente, na reunión semanal cos membros do seu goberno falouse deste tema. "Adiantouse o pico da gripe e xa estamos afrontando esta continxencia", dixo.
Neste sentido, destacou que as persoas están sendo atendidas en función da súa situación. "Todos os graves están sendo atendidos inmediatamente e en función da gravidade hai tempos de agarda", aclarou. En todo caso, tamén fixo unha recomendación para que a xente se vacine fronte a gripe.
MÁIS PRAZAS NA ATENCIÓN PRIMARIA
Por outra banda, e preguntado pola falta de prazas de formación de médicos que denuncian os propios profesionais, Rueda destacou que existe unha "verdadeira necesidade", de aumentar as prazas en atención primaria. Unha medida, dixo, que contribuirían a facilitar o desafogamento que hai na Atención Primaria. "Pero non se poden formar máis médicos. Son consciente de que non se esgotou o cupo de formación pero facemos planificación e Sanidade estima que as prazas ofertadas son as necesarias para cubrir as necesidades hospitalarias", indicou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.