Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2023 | Actualizada ás 11:34
A cifra de negocio de empresas con actividade en Galicia e sede social fóra de Galicia creceu un 9,7% en 2021, ata os 19.989 millóns de euros, segundo a Enquisa a empresas multilocalizadas que publica este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE).
Así, ese ano contabilizáronse 6.206 establecementos pertencentes a estas compañías, 17 máis que en 2020. O 92,7% dos mesmos dedicábase a tarefas relacionadas coa prestación de servizos, mentres que o 7,3% restante enmarcábase dentro do sector industrial.
Estas instalacións deron traballo a unhas 110.397 persoas en 2021, dos cales o 82,9% pertencía ao sector servizos e o 17,1% á industria. Entre 2020 e 2021, o número de persoas contratadas polos establecementos das empresas multilocalizadas en Galicia aumentou un 4%.
En canto á cifra de negocio, que creceu un 9,7%, a súa contía total repártese entre un 30,1% da industria e un 69,9% no sector servizos. O importe dos gastos de persoal dos establecementos radicados en Galicia destas empresas foráneas supera os 3.485 millóns de euros, un 4% máis que en 2020.
Entre outras variables, esta enquisa recolle que o principal factor que inflúe no investimento dos establecementos das empresas con actividade en Galicia e sede oficial fóra é a evolución da demanda estatal, cun 45,1% dos casos, seguido da evolución da demanda galega, cun 25,7% dos entrevistados.
SEDE EN GALICIA
Por outra banda, o número de empresas con actividade económica en Galicia, teñan ou non a súa sede social aqiço , creceu un 0,09% durante 2021, ata 245.728 compañías a 1 de xaneiro de 2022, segundo datos do Directorio de empresas e unidades locais publicado este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Deste total, 241.287 son galegas e 4.441 teñen a súa sede social noutro lugar de España.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.