O TSXG paraliza outro eólico na Cañiza e Covelo por "división artificiosa" do parque

A sentenza non contou con ningún voto particular en contra.

Por Galicia Confidencial | A Cañiza | 29/12/2023 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de estimar a pretensión da asociación Ecoloxistas en Acción Galiza “ Atlántica e Verde” para a suspensión cautelar da executividade da resolución dictada pola Direción Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, que outorga a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do parque eólico “Alto de Montouto” sito nos concellos da Cañiza e de Covelo.

Parque eólico Alto de Montouto entre a Cañiza e Covelo
Parque eólico Alto de Montouto entre a Cañiza e Covelo | Fonte: Ecoloxistas en Acción

O auto ditado polo TSX non conta con ningún voto particular e estima a pretensión da asociación ecoloxista en base a “división artificiosa do parque e defectuosa tramitación da información pública”.

O TSXG razoa que dado que conflúen varios parques eólicos nas inmediacións do proxecto “Alto de Montouto”, non poden “dar por enteiramente veraz” a declaración de impacto ambiental (DIA) do mesmo, nin os informes que a apoian: “Persiste a incógnita sobre se a DIA refire a radiografía exacta do medio ou estaría mediatizada pola fragmentación artificiosa do parque”.

Amais, subliña que “non cabe ter dúbidas” de que “existen moitas posibilidades de que a afectación ao medio sexa efectiva e irreversible”.  Apoiándose no principio de precaución do Dereito Comunitario, afirma que de nada valería permitir a execución do proxecto empresarial, se posteriormente “hai que desfacer o status quo a costa do erario público”.

Doutra banda, tamén se vería perxudicada a promotora que vería paralizada de maneira permanente a construción e explotación da súa empresa eólica. O auto do alto tribunal galego tamén recalca que o amplo lapso temporal de espera na vía administrativa que padeceu a empresa promotora para obter a autorización, fai que non sexa “moi equitativo pola súa parte” achacar a culpa da caducidade das autorizacións administrativas que se puidesen producir á xustiza.

Finalmente, o auto recoñece que a asociación ecoloxista “invoca con éxito” a doutrina da aparencia de bo dereito para conseguir a inmediata suspensión cautelar do acto administrativo, pois alega sentencias da Sección Terceira anulando actos substancialmente similares relativos á autorización de parques eólicos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta