Por Europa Press / Redacción | Compostela | 29/12/2023 | Actualizada ás 13:03
O goberno de Santiago, que comparten BNG e Compostela Aberta, asinou este venres un acordo co Partido Socialista para sacar adiante os orzamentos de 2024 para a capital galega, no que se inclúen medidas como un plan de acción contra as inundacións que se producen en determinados puntos da cidade cando se dan intensas precipitacións, a creación dunha rede de bicicletas eléctricas ou accións de reforzo contra o ruído nas zonas de lecer nocturno.
O pacto, negociado nas últimas semanas, foi asinado na mañá deste venres pola rexedora compostelá, Goretti Sanmartín (BNG), a súa tenente de alcaldesa, María Rozas (CA), e o secretario xeral do PSOE santiagués, Aitor Bouza, nun acto celebrado no Pazo de Raxoi.
Tras a firma do documento, todos eles incidiron na importancia dun pacto que encadran no "diálogo" e a "colaboración" do tres forzas políticas para atender "as demandas" da cidadanía de Santiago nunhas contas que ascenden a 141 millóns de euros e cuxo borrador foi presentado hai unha semana.
"Hoxe é un día de celebración dunha boa noticia para Santiago", remarcou Sanmartín despois de incidir en que a cidade, cos orzamentos prorrogados desde 2022, necesitaba sacar adiante unhas contas que achegasen "estabilidade" e "unha folla de ruta" con capacidade para "responder" as "necesidades" da cidade.
Pola súa banda, o responsable local do PSOE, Aitor Bouza, --que non é edil na corporación compostelá-- remarcou que este venres é un "bo día" para a capital galega ao existir un acordo que reflicte a "maioría progresista" que plasmaron nas urnas os santiagueses nas eleccións de maio.
A preguntas dos xornalistas, negou que o acordo con BNG e CA poida abrir a porta a unha eventual entrada dos socialistas no goberno santiagués, senón que responde a unha intención de "non bloquear" cuestións "importantes" para a cidade.
A tenente de alcaldesa e responsable local de Compostela Aberta, María Rozas, tamén valorou o talante das tres forzas "progresistas" da cidade para sacar adiante unhas contas de "carácter social". Rozas quixo agradecer especialmente o espírito "construtivo" do PSOE e a súa vontade de "non dilatar os tempos" para que as contas poidan ser aprobadas e entrar en funcionamento no principio do ano.
ACORDOS
Así as cousas, o acordo subscrito entre o goberno local e os socialistas recolle algunhas medidas como a posta en marcha dun plan para actuar contra as inundacións que se producen en determinados puntos da cidade de forma habitual cando se dan intensas precipitacións.
Tamén contempla o reforzo dos medios da Policía Local e disciplina urbanística para combater o ruído nocturno nas zonas de lecer da cidade e un incremento na partida para o transporte público que alcanzará os 9 millóns de euros para impulsar liñas como a cración dunha rede de bicicletas eléctricas.
O pacto inclúe a licitación de novos contratos públicos como o do propio transporte público, o servizo de axuda no fogar (que aumentará "considerablemente" a súa asignación orzamentaria) ou a apertura dunha comisión plenaria para avaliar a "forma máis sosntenible" de xestión do ciclo integral do agual.
Reserva, así mesmo, 400.000 euros para a construción do novo parque comarcal de bombeiros e comprométese a pór en marcha un plan anual de conciliación familiar, dentro do que impulsar un proxecto piloto de comedor con cociña no propio centro escolar, ou a crear un servizo de asesoramento municipal para o colectivo LGTBI.
CRÍTICAS DO PP
Pola súa banda, o PP de Santiago censurou a "pouca educación democrática" da que acusa a BNG, PSOE e Compostela Aberta tras o pacto alcanzado entre o goberno local e os socialistas para a aprobación dos orzamentos de 2024 do concello da capital galega.
"Nada podemos dicir porque nada coñecemos", sinalou o líder do PP santigués, Borja Verea, en declaracións difundidas aos medios este venres tras a firma do pacto que permitirá ao goberno local que encabeza a nacionalista, Goretti Sanmartín, sacar adiante as primeiras contas do mandato.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.