Allariz e o seu Nadal sostible: un decorado que non precisa de iluminación para brillar con luz propia

Once decorados elaborados con elementos reciclables fan as delicias de veciños e visitantes ata o día 8 de xaneiro. Aínda que contan con luz, poden ser visitados durante o día e son igualmente espectaculares. Queres descubrir as súas particularidades? Aquí cho contamos para que non perdas ningún.

Por Ángela Precedo | OURENSE | 03/01/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Nadal en Allariz é unha festividade que congrega a milleiros de visitantes ao redor dunha decoración sustentable ano tras ano. Se Vigo se gaba de ter as luces máis marabillosas do planeta, este municipio ourensán pode estar orgulloso de non precisar de iluminación para que os seus escenarios navideños brillen con luz propia. Un total de once rúas e prazas da cidade énchense de decorados nevados entre o día 1 de decembro e o 8 de xaneiro, polo que se aínda non os visitaches, non é tarde! Dende Galicia Confidencial visitamos este Nadal diferente, que aposta por unha ornamentación sostible, reciclable e de baixo orzamento. 

Decorado Nadal Allariz
Decorado Nadal Allariz | Fonte: GC

Percorremos unha a unha todas as esceas de Nadal para contarche en detalle o máis destacable de cada unha delas, elaboradas de forma artesanal con materiais como a madeira, e sempre evitando os plásticos. A neve, sen dúbida, é a raíña destas construcións, tinguidas de branco no medio dun inverno que, como todo bo galego sabe, apreta frío na provincia de Ourense. Saca papel e boli e apunta os nomes dos lugares onde están os sets: Praza de San Isidro, Praza do Matadoiro, Parque Portovello, Igrexa de Santiago Apóstol, rúa do Cárcere, rúa da Fonteiriña, rúa de Don Pepe Puga, Igrexa San Bieito, Praza do Eiro e Avenida Emilia Pardo Bazán.

O mercado de Nadal ábrese ante os nosos ollos cheo de pequenos postiños de venda de decoracións para a árbore creada con ganchillo, follas de piñeiros, piñas e mesmo pequenos saquiños de tea. Todas estas casetiñas contan co seu telladiño cuberto de neve e están separadas por árbores brancas que semella que tamén están cubertas de neve. No medio do mercado, por onde pasean algúns bonequiños na procura do mellor decorado para as súas árbores de Nadal, unha gran maceta central chea de plantas de Pascua vermellas, que poñen o toque de cor dentro de tanto branco. Unha delicia deterse a observar todos os detalles.

Xusto ao carón, achamos unha casiña co nome de 'Allariz Postal', que lle acae moi ben tendo en conta a beleza de semellante paisaxe navideña que ben valería para unha postal. Acto seguido aparece un dos decorados máis complexos, na nosa opinión, do pobo: a pista de esquí, que conta co seu propio teleférico e con alo menos unha ducia de pequenas casiñas na base nas que dan ganas de petar á porta (aínda que cabe sinalar que estes decorados non son accesibles, pois só poden ser observados detrás dunhas vallas, e non se pode camiñar por enriba). Para dar a sensación de que hai un bosque baixo o teleférico, aproveitase a natureza que xa estaba na zona, deixandoa sen cubrir de 'neve'. E os camiños cara as casiñas están feitos cos troncos recortados. Ademais, cada vivenda ten a súa ambientación navideña, non falta detalle.

Seguindo co noso paseo por Allariz, atopámonos cuns bastóns de caramelo de cores elaborados cos flotadores da piscina dos nenos, e chupa-chups envoltos con papel de agasallo que chaman a atención a cada coche que pasa. Nun día de sol, brillan de tal xeito que dá ganas de levarse un para a casa. E non debe ser só desexo noso, pois un pouquiño máis adiante aparecen os primeiros gnomos arrastrando un carriño cheo de doces. Gnomos ataviados con vestimentas de lá que xa lle gustaría ter creado a algún deseñador do bonitas que son. Como é tradición, non ensinan os seus ollos, ocultos baixo o capirote e a longa barba branca.

Decorado Nadal Allariz
Decorado Nadal Allariz | Fonte: GC

No medio do municipio, fronte á Casa do Concello, a pista de xeo fai as delicias de veciños e visitantes que degustan un vermú nalgún dos bares que a rodean, imitando, precisamente, a aqueles bonecos que tamén se están a tomar un grolo na cafetería da pista de xeo. Ata hai un posto con patíns de verdade. E no centro da pista cada boneco fai as súas peripecias para chamar a atención dos máis pequenos que se achegan a velos. Xa nos xardíns, unha escea digna de fotografar deixa abraiados a todos os paseantes: varios arcos e unha torre do reloxo dan a benvida ao xardín, arrodeado de casiñas que actúan a modo de muralla. Por suposto, todo en branco puro, ao igual que a neve que hai no chan.

Para saír un pouco desa paisaxe nevada, noutra das prazas hai unha escena de salón de casa decorado polo Nadal, na que dá ganas de quedarse a vivir: un cómodo sofá con mantiñas preparado para o inverno, unha gran cheminea coa leña ao carón preparada para ser queimada, dous perriños e un gatiño durmindo xunta ao lume, a árbore xa cos regalos baixo ela e dous mociños lendo un conto abrigados noutro dos sofás. De verdade que ata da envexa por non poder vivir nese salón durante o inverno e desfrutar do son das brasas. Unha delicia!

Aínda que para ser xustos, o máis abraiante de todo o percorrido, tanto para nós como para os visitantes, como se podía comprobar pola afluencia de xente en torno ao mesmo, era o poboado de madeira creado xunto ao mercado municipal, onde os troncos das árbores foron tallados meticulosamente para ser convertidos en casiñas de formigas, vías de tren, carruaxes, tratores e mesmo bonequiños. Podes pasar horas e horas mirando e de cada vez descubriras un detalle novo que pasaches por alto anteriormente, para que vos fagades á idea da súa maxestuosidade e extensión. A que agardas para visitar Allariz? Mentres, podes ver o noso vídeo sobre todos estes lugares nas nosas redes sociais.

Decorado Nadal Allariz
Decorado Nadal Allariz | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta